25 Febreiro 2014, 18:00

http://istoenormal.org/images/398.jpg

Laboratorio das letras

Obradoiro literario/artístico que tratará de achegar os partipantes ao entramado literario dende unha visión actual e contemporánea a través da teoría e a práctica.

Cando
os ocos presencian
os dedos rabuñan o papel
e as palabras.

Tiveches algunha vez esta sensación? Atopácheste con milleiros de frases bailando na cabeza e pensaches en materializalas? Descubriches algunha vez que de tanto mirar o extraordinario poderías derreter os ollos? Pasaches semanas enteiras cunha imaxe cotián e feble, áxil ou pesada na cabeza que loitaba por sair á luz? Se é así, habitas preto da palabra escrita.

Este obradoiro literario/artístico tratará de achegar os partipantes ao entramado literario dende unha visión actual e contemporánea. No proceso aportaranse chaves que axuden a escoitar e mirar dende o aquí e o agora da cotidianidade, do inmediato, do pequeno, facendo fincapé na construción do texto.

OBXECTIVOS:

- Coa mestura da teoría e da práctica, aportar chaves que axuden á elaboración e creación de textos partindo da mirada única de cada participante.

- Poñer en relación o literario co interdisciplinar: cinema, música, artes plásticas…

- Atopar os silencios no lenzo.

- Bucear nas propias creacións ao redor da imaxinación, a escoita, o concreto, os diálogos, o eu e os personaxes, o tempo, o espazo, o silencio.

- Debatir, ler, compartir buscando o verso e o reverso.

TEMAS:

- Descubrir/redescubrir as palabras.

- Atrapar as ideas.

- Camiñar entre o abstracto e o concreto.

- Traballo de ritmos e tonos.

- De John Cage ao lenzo en branco.

- A personalización do tema.

- Entre o eu e os personaxes.

- O tempo da acción.

- O conflito.

- A presenza do adxectivo.

- Metáforas.

- Tallar un texto: como Miguel Anxo dentro do bloque…atopar a escultura.

- Do literario ao interdisplinar: materializándonos a través das palabras pero tamén a través das imaxes, a pintura, a fotografía, a música, o cine…

- Comentario e lecturas de textos de diferentes autores e autoras referentes da literatura contemporánea galega e internacional.

OBSERVACIÓNS:

- Cada alumn@ terá dereito a unha titoría personalizada.

- Ao finalizar o obradoiro haberá a posibilidade de realizar unha mostra.

Imparte este laboratorio Antía Otero. É licenciada en Historia da Arte Contemporánea pola USC, Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual de Artea, Reina Sofía e Universidad de Alcalá e Máster en Historia e Estética do Cinema pola Universidad de Valladolid.

Como escritora foi gañadora do VII Certamen Francisco Añón de Poesía co poemario De porta un horizonte, publicou os poemarios individuais O Son da Xordeira (2003) en Espiral Maior e Retrovisor (2010) en Edicións Xerais e participou en multitude de publicacións colectivas.
Leva varios anos adicada a impartir o obradoiro de nova creación artística entre os que destacan O ollo da arte, en NORMAL e o obradoiro de poesía Rebelar para revelarse en diferentes centros do país. Igualmente, leva percorrido centros de ensino e bibliotecas cos seus recitais, sesións de lecturas e escrita así como formado parte de multitude de xuris en certames de poesía e narrativa. Na actualidade é vicepresidenta da AELG.

Con Isaac Garabatos crea o traballo de perfopoesía RetroVisor, actualmente en activo, e con Antonio Rodríguez forma parte do colectivo artístico Derodríguez.

Datas: todos os martes entre o 25 de febreiro e o 13 de maio de 2014.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: Aula 2.1 de NORMAL.
Prezos: 35€ comunidade universitaria da UDC (25€ en segunda matrícula) / 55€ público xeral (45€ en segunda matrícula)
Créditos solicitados: 2 créditos libre elección (plans antigos), 1 crédito recoñecemento (plans novos)
Participantes: un mínimo de 8 e un máximo de 15 persoas

Matrícula:
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o 1 até o 23 de febreiro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña, seguindo estas instrucións:
• elixa o obradoiro no que quere inscribirse
• prema en “ver máis”
• siga a ligazón “inscrición”
• seleccione o xeito de pagamento e confirme

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es