15 Outubro 2012, 17:00

http://istoenormal.org/images/261.jpg

Laboratorio de creación e instalación de 'La Brecha'

La Brecha realizará unha residencia creativa en forma de laboratorio aberto ao público, para que o a xente poida coñecer o seu proceso de traballo e intercambiar cuestións cos propios artistas.

Despois do seu paso por LAboral de Xixón, La brecha ofrece en NORMAL o seu laboratorio creativo entre o luns 15 e o luns 22 de outubro, de 17:00 a 20:00 horas.

Esta acción ten como obxectivo que o espectador tome conciencia da materialidade e da utilidade dos residuos de distintos procesos. Nela realízanse pequenos collages que son proxectados case que instantaneamente. Búscase a sorpresa da realidade proxectada. A segunda parte da performance consiste na proxección do traballo aplicado a soporte fílmico de Super-8 e 16mm. A película física está tratada como un simple soporte, un lenzo no que se manifestan as distintas accións exercidas sobre o mesmo. O resultado é un espectáculo de abstracción en movemento sonorizada con audios naturais.

Así mesmo, o proxecto conta cunha instalación que poderá visitarse na sala de exposicións no horario habitual de apertura ao público (de 11 a 22 horas). A instalación representa dúas realidades desde as que atacar a “muralla”:

• O “asible”: trátase da dimensión práctica, física, palpable. Consiste nunha versión reducida do obradoiro de investigación sobre o cal exploramos os materiais. Ferramentas, documentación e materiais pertencen a este mundo.

• O “inasible”: a realidade proxectada, impalpable, incontrolada. A través da proxección de filminas e material filmado contemplamos a riqueza dos materiais empregados. O feito de traballar con residuos fai que o concepto de “erro” se magnifique, que a realidade a través da proxección produza unha sorpresa e que a riqueza da materialidade se amose no seu maior esplendor.