20 Outubro 2011, 20:30

Le sang des bêtes + La jetée

Proxección curtametraxes de vangarda. Dentro da programación de cinema de vangarda e experimental, presentamos dúas curtametraxes de dous directores tan importantes como mal coñecidos.

Le sang des bêtes. Georges Franju. 1949. 20’

Georges Franju, fundador da cinemateca francesa e un dos pais recoñecidos pola Nouvelle Vague, ten unha obra fílmica moi relevante, tanto na ficción como no documental. O filme O sangue das bestas é unha obra mestra do documental de autor extraordinariamente impactante, a pesar dos sesenta anos que transcorreron desde a súa realización. A minuciosa descrición do traballo dun matadoiro francés cun brutal grao de naturalismo mentres se mantén “unha conexión co surrealismo desprazando o obxecto a outro contexto” –en palabras do propio Franju– converten este traballo nunha peza excepcional, en que literalmente a realidade estala pola hipertrofiada e obsesiva mirada da cámara que penetra máis aló desta, chegando ao horror do real. É por iso que este filme non está tan lonxe dos seus máis famosos (e imprescindibles) filmes de terror como Les yeux sans visage (Os ollos sen rostro, 1960).

La jetée. Chris Marker. 1962. 28’

Chris Marker, director francés da xeración da Nouvelle Vague, é un dos máis importantes directores de documental de ensaio da historia do cinema, e un dos cineastas máis innovadores da modernidade francesa, xunto con Godard ou Alain Resnais. La jetée, filme insólito definido polo seu autor como fotonovela, por estar composto practicamente de fotos fixas, é un filme de inusitada beleza, que funde un estremecedor lirismo cunha fonda carga de tristeza existencial, nunha reflexión sobre o paso do tempo, a morte e o amor (fou) –as citas ao filme Vertigo de Hitchcock (1958) son directas, o que emparenta o filme co surrealismo– na historia dun home que contempla a súa propia morte, dentro dun marco de referencia xenérico que remite á ciencia-ficción e que influíu a xente tan diferente como Terry Gilliam (12 Monkeys, 1995) ou David Bowie. (Jump, they say, videoclip, 1993)

| día xoves | lugar Cubo NORMAL |
Entrada libre e de balde

Máis info