18 Xullo 2014, 09:00

http://istoenormal.org/images/440.jpg

L&F / II Encontro para a creación dun Arquivo Común de Cinema Doméstico

O 17 e 18 de xullo NORMAL acolle as sesións de traballo do II Encontro para a creación dun Arquivo Común de Cinema Doméstico.

O I Encontro, celebrado en Murcia, serviu para poñer en contacto aos colectivos e persoas interesadas para comezar a traballar en rede. Sacaron conclusións sobre o cinema doméstico entendido como un dos materiais máis importantes da memoria audiovisual das últimas décadas e a importancia de preservalo. Nestas películas amateur é posible achegarse á vida íntima do pasado, ao cotián e ao persoal fronte as grandes narrativas das producións cinematográficas profesionais.

O II Encontro quere seguir compartindo coñecementos e unificar criterios e esforzos na catalogación e recuperación do cinema doméstico. Serán dúas xornadas de traballo para profesionais. Na última sesión do venres 18 de xullo, aberta ao público en xeral, a partir das 17:30 horas haberá unha pequena presentación dos proxectos e unha mostra de materiais recuperados.

Participan Proxecto Socheo, Filmoteca de Extremadura, Memorias Celuloides, Carlos Tmori e Clara Sánchez-Dehesa Galán.

Proxecto Socheo: (Galicia). Iniciativa para a localización, estudo e inventario das imaxes rexistradas por afeccionados na contorna da Guarda e o Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar o patrimonio audiovisual e proxectalo.

Filmoteca de Extremadura. O arquivo de Cine Familiar e Amateur é un proxecto da Filmoteca de Extremadura para a recuperación, conservación e difusión do patrimonio cinematográfico da rexión, centrado principalmente en películas de Cinema Non Profesional (Súper8, 8mm, Pathé Baby e 16mm).

Memorias Celuloides (Murcia). Arquivo de Cinema Doméstico desenvolvido por Medusa Mediación, Retrovisor e o CENDEAC, cuxa labor é a recuperación, catalogación e posta en valor deste material co fin de facelo accesible a educadores, investigadores e creadores que incorporen ao coñecemento colectivo micronarrativas e a historia da vida cotiá.

Carlos Tmori. Licenciado en Belas Artes e Comunicación Audiovisual. É o responsable do Día internacional do cinema/vídeo doméstico de Salamanca, un evento anual adicado ao cinema/vídeo realizado por afeccionados, que supón unha oportunidade para compartir as propias películas familiares e persoais.

Clara Sánchez-Dehesa Galán. Diplomada en Conservación e Restauración de Documentos Gráficos pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Madrid.