23 Xullo 2014, 19:00

http://istoenormal.org/images/439.jpg

L&F / 'Pindo', con Cristina Sánchez + Nieves Neira + Henrique Lamas

Os artistas Cristina Sánchez, Nieves Neira e Henrique Lamas presentan Pindo, a súa performance butoh-instalación audiovisual, dentro das actividades de LOST & FOUND. ARQUIVOS (RE)COLECTADOS.

Partindo do Monte Pindo, esta obra quere ser un proceso de investigación que converxa nun escenario, no que os elementos principais son a danza e o vídeo. Investigación sobre o espazo a través de entrevistas, viaxes e documentos. Investigación sobre o corpo a través da danza butoh: o corpo pode traducir a natureza, incorporar as súas imaxes até facelas movemento ou quietude, até converterse nunha paisaxe. O reto é colocar a danza no ir e vir entre nós e o mundo, na súa fluencia, nas súas fracturas.

O equipo de Pindo está a elaborar un interesante diario dixital do proxecto, que tamén será presentado en NORMAL.

VÍDEO: Henrique Lamas.
MÚSICA: Abraham Cupeiro.
VESTIARIO: Ramon Santos Elaboración Textil.
ILUMINACIóN: Juan Porto.
VOCES: Pepe do Fieiro /Quino de Pais/ Alejandra Rivero.
TEXTO: Fragmentos do Sutra das montañas e das augas Dogen; Veciños do Pindo; Nieves Neira Roca.

Cristina Sánchez e Nieves Neira pertencen ao Colectivo Tanuki, que centra o seu traballo na relación entre corpo e espazo e entre performance e instalación. Tamén colaboran na Asociación 3monos para a promoción das artes escénicas, na que é central a práctica e difusión do butoh. A súa formación abarca o xornalismo, a literatura, a fotografía e a danza, disciplinas que se conectan nunha indisciplina na que buscan a súa propia linguaxe escénica. Neste momento, o seu interese xira en torno á paisaxe, ao seu vaivén entre o visual e o corpóreo, á súa tradición oral e aparente naufraxio.

Entrada libre de público até completar aforo.