1 Decembro 2012, 10:00

http://istoenormal.org/images/295.jpg

Little Boxes

Decembro é o mes de Bego M. Santiago en NORMAL. Recén chegada de Berlín, durante unha residencia artística desenvolverá o seu novo proxecto: Little Boxes.

O seu traballo artístico céntrase no estudo da retroalimentación entre realidade e representación, tratando de entender o “real” como construción individual e colectiva. Está interesada nos puntos de unión entre os binomios real-falso, presenza-ausencia, orixinal-copia, procurando os intersticios que existen como un lugar de encontro entre os opostos, ese momento no que os termos se confunden e, durante un tempo, vólvense fráxiles.

Little Boxes é unha vídeo-instalación interactiva–reactiva formada por 4 elementos: unha parte escultórica, videoproxección, a presenza do espectador e un sistema de traking video. A instalación recrea a maqueta dunha cidade. Sobre as casas, podemos ver pequenas personaxes proxectadas.

Bego M. Santiago ten realizado, no seu estudo entre Praga e Berlín, traballos de gravación e postprodución dos vídeos, dirección artística, coordinación de equipos e produción da obra. Durante a súa residencia en NORMAL, entre o 1 e o 16 de decembro, levará a cabo a montaxe audiovisual, o deseño da iluminación e a construción das caixas, para a continuación rematar a parte interactiva, xunto co deseñador web e artista multimedia Pavel Karafiát.

Parte da programación ten sido desenvolta en Praga por Andrej Boleslavský, artista e investigador do CIANT (International Centre for Art and New Technologies) a través do seu programa COALA. O CIANT é unha plataforma internacional, con sede en Praga (República Checa) para a investigación, produción e presentación dun uso creativo das tecnoloxías da información e a comunicación dentro das artes. Durante os últimos 10 años, o CIANT estableceu colaboracións entre arte e ciencia con institutos de investigación, universidades, centros de arte e artistas de diferentes nacionalidade_s.

Little Boxes formará parte de Elas Fan Tech, a próxima exposición de NORMAL, comisariada por Anxela Caramés.