19 Decembro 2012, 20:30

http://istoenormal.org/images/296.jpg

Loops diarios, de Bego M. Santiago

Sesión de Live cinema co diario persoal en forma de imaxes da artista Bego M. Santiago e a banda sonora en vivo de Manu G. Sanz.

Loops diarios é un cúmulo de pezas de videoarte que representan o diario persoal da artista Bego M. Santiago, que vén sumando novos loops desde 2008. Serán presentados nun LiveCinema onde a artista estará acompañada pola música en vivo de Manu G. Sanz. Será un espectáculo onde música e narrativa visual iranse construíndo mutuamente e en directo.

O traballo artístico de Bego M. Santiago (Santiago de Compostela, 1980) céntrase no estudo da retroalimentación entre realidade e representación, tratando de entender o “real” como construción individual e colectiva. Está interesada nos puntos de unión entre os binomios real-falso, presenza-ausencia, orixinal-copia, procurando os intersticios que existen como un lugar de encontro entre os opostos, ese momento no que os termos se confunden e, durante un tempo, vólvense fráxiles.

Manu G. Sanz (Vigo, 1977) é Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, na especialidade de audiovisuais. Compuxo a música de proxectos de toda índole, especialmente no terreo do rock, chegando a gravar nos estudos “Colibrí” de Glasgow un disco posteriormente editado polo selo coruñés “El Beasto” co grupo Indómitos en 2008. En 2011 comeza o proxecto Orphan Tracks unha plataforma de desenvolvemento de música filmica en forma de bandas sonoras para filmes imaxinarios. Tamén exerce as labores de produción de varios grupos da escena galega actual, entre eles Fantasmage e Wild Balbina.

Loops diarios é un adianto de Elas Fan Tech, o próximo proxecto de NORMAL, comisariado por Anxela Caramés.

A entrada é libre até completar aforamento.