23 Abril 2014, 18:30

http://istoenormal.org/images/427.png

NINONINO!

Ninonino, crashh, boom, tuut, ñeec son onomatopeas que representan sons no mundo do cómic cando se debuxan músicos a tocaren e cantaren.

Este ciclo organizado por NORMAL nace co principal obxectivo de promover a incipiente –e recoñecida– nova xeración de músicos galegos, orixinando un lugar de colaboración con outras disciplinas artísticas como a banda deseñada. Durante catro sesións, oito músicos galegos de diferentes estilos, presentarán as súas cancións mentres varios debuxantes resumirán cada xornada en viñetas.

VENRES 25 ABRIL
GAS NOBLE (A Coruña) – 20:30 horas
PUMA PUMKU (Santiago) – 21:30 horas
+ Andrés Magán (Vigo) – Ilustrador

XOVES 8 MAIO
ESQUELAS (A Coruña) – 20:30 horas
DAS KAPITAL (Santiago) – 21:30 horas
+ Miguel Porto (Vigo) – Ilustrador

VENRES 9 MAIO
LADY LEÑO (A Coruña) – 20:30 horas
LINDA GUILALA (Vigo) – 21:30 horas
+ Bernal Prieto (A Coruña) – Ilustrador

SÁBADO 10 MAIO
OBRADOIRO FAMILIAR – 11.30 / 13.30 horas
Debuxando as onomatopeas da Coruña
Obradoiro gratuíto con inscrición previa en actividades@istoenormal.org.

VENRES 16 MAIO
KOROKATI (A Coruña) – 20:30 horas
WHEN NALDA BECAME PUNK (Vigo) – 21:30 horas
+ Roque Romero (A Coruña) – Ilustrador

Entrada libre de público até completar aforo.

NINONINO! é un ciclo organizado por NORMAL e coordinado por SINSALAUDIO.

OS GRUPOS

Gas Noble é música outlet para a xeración perdida. Alegoría máxima á mutación, o resampleamento e á transformación do son e a imaxe. Música electrónica que non se esquece do bombo e a caixa.

Puma Pumku son un deses grupos capaces de roubarche o corazón desde o primeiro momento. A banda, formada pola batería de Pulpo, a guitarra de Coque, o baixo de Pamper e a voz e guitarra rítmica de Amadeo, posúe un directo imprevisible que flúe e crece até límites insospeitados. Desde Santiago de Compostela, os Puma Pumku suman influencias tan clásicas como as dos primeiros Pink Floyd ou Tame Impala.

Esquelas son Andrés Satué e Alberto Fernández, artífices da música máis inquietante que xamais saíu de terras galegas. O seu traballo máis recente é o EP Inciso que, en palabras dos músicos, son catro composicións centradas na procura e uso de frecuencias baixas, así como do aspecto máis físico do son. Os seus directos son unha intensa experiencia audiovisual que trata de establecer unha relación entre a negrura do drone e a proxección de imaxes.

Das Kapital constituíronse como célula agit-prop electrónica durante a primeira metade de 2011 en Santiago de Compostela (Galicia). Con Marcos Paino aos mandos electrónicos, Leo Fernández Campos, O Leo, na voz e Daniel Salgado cos sintetizadores dixitais e as letras, ao grupo contribúen ademais David Ageitos (guitarras), Doctor Chou (guitarras e sintetizadores), Tomás Ageitos (controis) e Xosé Carlos Hidalgo (deseño gráfico). Con dous discos publicados, Ruído Negro (2011) e Grecia (2013), Das Kapital é unha das referencias imprescindibles da música popular contemporánea en España.

Lady Leño son unha banda da Coruña formada a mediados do 2012 por Iago Golpe ás guitarras, Alberto Vázquez á batería e Beatriz Argüelles ao baixo e voz. Caracterízanse polo seu son escuro e visceral, acompañado de letras que, entre outros, tratan a ambigüidade e o misterio da natureza humana (construír vs. fabricar). Directo cru e contundente con reminiscencias punk e influencias do son 80´s que non vos deixarán indiferentes.

Linda Guilala editan no ano 2009 o seu primeiro disco, Bucles Infinitos, unha demostración dun xeito propio de entender o pop, sabendo equilibrar a enerxía xuvenil, a paixón polo pop máis clásico e o tecno-pop. O grupo mantén esa frescura máxima das melodías, na mellor das tradicións da Nova Ola española, como en Alaska e os Pegamoides ou Os Zombies, ademais da paixón polas texturas densas pero cativadoras de grupos como The Charlottes, Lush ou Pale Saints. Agora, en 2014, publican Xeristar, un mini-LP 10” con seis cancións que supón un novo punto e seguido dun dúo que aínda ten moito que contar.

Krkt, é a abreviatura de Korokati, proxecto musical e discursivo nado no ano 2010 a través dunha primeira demo chamada Muerte al Arquitecto. Sintetizadores, secuenciador, guitarra eléctrica e vocoders son os recursos que Roberto Casteleiro (Koroiev, Fagot y Popota, Federico Flesfa) emprega neste proxecto persoal.

When Nalda Became Punk é un grupo pop de Vigo formado por Elena Sestelo, Roberto Cibeira e Antonio Llarena. Tras darse a coñecer cun single na discográfica inglesa Pebble Records (2011), o ano pasado editaron o seu primeiro álbum A farewell to youth para o selo norteamericano Shelflife Records. Ademais, entre outros concertos, tocaron no festival británico Indietracks. En marzo deste ano publicaron Indiepop or Whatever, un EP de catro cancións tamén para Shelflife Records, iniciando os concertos de presentación no Madrid Popfest 2014.