22 Marzo 2014, 16:15

http://istoenormal.org/images/419.jpg

O 14º Encontro Europeo de Medios Comunitarios, en NORMAL

O espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña acolle en abril as sesións do 14º Encontro Europeo de Medios Comunitarios.

Os encontros de medios do Terceiro Sector veñen realizándose con regularidade desde 2004, grazas ao impulso da Rede de Medios Comunitarios. Así, xa acolleron encontros Madrid, Barcelona, Bilbao, Salamanca, Toledo, Alacante… Son convocatorias abertas e acéptanse achegas doutros sectores ou disciplinas: movementos sociais, profesorado e estudantado, persoal investigador, pasando por persoas interesadas na Socioloxía ou no Dereito da Comunicación.

O Encontro14 é un encontro internacional. A Coruña será a cidade anfitrioa dun triplo evento:

- Xornada Europea de Redes de Medios Comunitarios: concorrerán representantes das principais redes Europeas, como o SNRL francés, a CRAOL de Irlanda, a Närradions Riksorganisation de Suecia, a Verband Freier Radios Österreich -VFRÖ de Austria, a Bundesverband Freier Radios e.V. de Alemaña, a UNIKOM Union nichtkommerzorientierter Lokalradios de Suiza, a Sammenslutningen Af Medier i Lokalsamfundet – SAML de Dinamarca, a Turun Lähiradioyhdistys ry de Finlandia ou a Norsk Lokalradioforbund de Noruega, entre outras. Soamente estas redes representan a 1.104 medios comunitarios.

- Encontro da Rede de Medios Comunitarios: a ReMC é a entidade máis representativa do sector no Estado. Conta con preto de 40 entidades asociadas e celebrará na Coruña a súa Asemblea Xeral. Durante o encontro terán lugar, ademais, obradoiros formativos, sesións de intercambio de experiencias coas redes europeas e algunha sorpresa máis.

- Reunión do European Board de AMARC: o Consello Europeo da Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC) celebrará a súa reunión anual na Coruña. AMARC agrupa a 4.000 membros e asociados en máis de 130 países. AMARC-Europa traballa activamente coas institucións da Unión Europea en distintas materias, como a alfabetización mediática, a democratización dos sistemas de medios europeos ou a protección das linguas minoritarias.