19 Febreiro 2013, 19:30

http://istoenormal.org/images/331.jpg

O 'I Festival de curtas por amor á Arte' pasará por NORMAL

NORMAL participa na semana cultural do primeiro festival Por amor á Arte con varias actividades. Teatro, danza, cinema e música de acceso libre ao público.

Ás 19:30h, na aula de Danza, a Aula de Teatro NORMAL representará, en primicia, un fragmento da peza teatral A Burla do Galo, do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, que o grupo está a montar baixo a dirección de Rubén Ruibal.

A continuación, na sala de exposicións, a Aula de Danza NORMAL interpretará un fragmento da produción que están a preparar este ano, dirixida pola cordinadora da aula, Rut Balbís.

Xa ás 20:00h, o CUBO acollerá a proxección da curtametraxe Dentro, escrita e dirixida por Kale Thunström, co acompañamento musical do grupo Pérquele. Os músicos tamén improvisarán con fragmentos de vídeos de temática submarina gravados por Juanjo Fernández.

A formación de Pérquele está composta por Aurora Aroca ao violonchelo, Fito Ares ao saxo soprano, clarinete baixo e frauta traveseira e Fernando Lamas á bateria e percusión miúda.

Baixo o título de Festival de curtas por amor á Arte, naceu esta semana cultural na cidade herculina, con acceso libre tanto para os participantes coma para o público en xeral. O obxectivo fundamental do festival é expor novos talentos, servindo como un escaparate das obras de arte que actualmente se están a realizar.

O Festival celebrarase do 16 ao 23 de febreiro de 2013.