16 Outubro 2012, 19:00

http://istoenormal.org/images/253.jpg

O ollo da Arte

Obradoiro de creación artística contemporánea onde coñecer, descubrir e valorar o feito contemporáneo e a creación actual a través dunha mirada propia.

O ollo da Arte é un obradoiro onde se pretende ofrecer unha alternativa ás aulas propiamente académicas ao redor da experimentación e da arte contemporánea. Para iso, créase un espazo de convivencia ao redor de elementos tan importantes como a mirada, a expresión e os procesos artísticos, fomentando o desenvolvemento da imaxinación, da creatividade e das capacidades e habilidades artísticas de cada un dos participantes.

Botando man de disciplinas moi diversas que van dende a fotografía ao collage, ou do video á arte urbana, pasando por outras como a performance ou o cinema experimental, no Ollo da Arte plantexamos un programa que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ser o máis conscientes posible do acto creativo e das ferramentas das que dispoñemos para chegar a el a través da experiencia propia, mais tamén do debate e da aprendizaxe grupal.

Pódese coñecer o universo de ‘O ollo da Arte’ a través deste vídeo…

O curso é impartido por Antía Otero, licenciada en Historia da Arte, creadora, actriz, escritora e docente na Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto.

Datas: todos os martes entre o 16 de outubro e o 5 de febreiro.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: aula de obradoiros de NORMAL.
Prezos: 35€ comunidade universitaria da UDC (25€ en segunda matrícula) / 55€ público xeral (45€ en segunda matrícula)
Créditos de libre elección: 2 (solicitados)

Preinscrición e matrícula:

Debido ás obras de mellora e acondicionamento das aulas onde se desenvolverán os obradoiros, que están a demorar a inscrición nas actividades de NORMAL, ábrese un prazo de preinscrición até o momento en que se abra oficialmente o prazo de matrícula. Para isto, abondará con comunicar ao correo cultura.coruna@udc.es, baixo o asunto “Preinscrición”, os seus datos persoais (nome completo, DNI e teléfono), con indicación do obradoiro ou curso en que quere participar. Recibirá un aviso de confirmación no momento en que se abra o prazo de matrícula. Grazas pola colaboración e desculpe as molestias ocasionadas.

Tamén pode preinscribirse directamente en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es
Área de Deportes. Pavillón de Deportes, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 1904