24 Febreiro 2014, 18:00

http://istoenormal.org/images/397.jpg
Brian Oldham

O ollo da Arte II

Obradoiro de creación artística contemporánea onde coñecer, descubrir e valorar o feito contemporáneo e a creación actual a través dunha mirada propia.

Se tes unha idea, un proxecto artístico no que leves tempo pensando, un bosquexo que che bule na cabeza… e queres participar nun proceso compartido entre máis persoas con inquietudes comúns… ou se non tes nada pensado, pero posúes inquietudes artísticas e ganas de deixarte levar polo proceso e a deriva…. O ollo da arte II é un laboratorio de creación que está pensado para iso.

Empregando a práctica, ferramentas que nos axuden a colocarnos na propia experiencia artística, xerando dinámicas de grupo nas que tod@s sexamos creadoras e espectadores a un tempo e marcando un plan de traballo, dende a primeira xornada teremos a oportunidade de colocarnos na pel d@ outr@ e de acompañarnos nos procesos partindo dunha vía de traballo personalizada para cada participante.

Ao longo do laboratorio teremos a visita de dous creadores que traballen en activo e que se achegarán a NORMAL para compartir co alumnado as súas experiencias, guiar os proxectos e aportar novas ferramentas.

Obxectivos:

- Presenciar – Escoitar – Poñerse na pel do outr@ – Materializar – A deriva

Metas:

-Participar en actividades cooperativas e dinámicas de grupo.

-Abrir vías de percepción empregando a experimentación e a imaxe como material de traballo.

- Materializarnos a través das palabras, do concepto e da imaxe.

- Ser o máis conscientes posible do acto creativo e das ferramentas das que dispoñemos para chegar a el.

Temas que nos interesan neste laboratorio:

- a mirada: o retrato, o autorretrato, o voyeur, a identidade.

- o espazo : físico, recreado, mental, conceptual, trans, performance.

- o son: o silencio, a presencia.

- o corpo : denuncia, soporte, espido, obxecto, o propio material.

-o efémero/ o residuo.

- contar: a ocultación, a desocultación, a familia.

- o público/ o privado/ a ventá/ o escaparate/a cortina/ eu-o outro.

- o collage contemporáneo.

- vídeo : found footage, collage, live cinema.

- outras escritas.

Organización:

- lecturas / conversas

- teoría / exercicios prácticos na aula e na rúa individuais e en grupo

- visita(s) de outros creadores

- folla de ruta persoal

O laboratorio é impartido por Antía Otero, escritora, creadora e actriz. É licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Historia e Estética do Cinema pola Universidade de Valladolid e Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual de Artea, pola Universidade de Alcalá e o Reina Sofía. Como poeta é autora de O Son da Xordeira (2003) e RetroVisor (2010). No campo da creación escénica traballa a partir dun código híbrido entre diferentes disciplinas artísticas, creando propostas persoais con textos propios. Imparte obradoiros artísticos e de escrita e na actualidade forma parte de varios colectivos de creación.

Datas: todos os luns entre o 24 de febreiro e o 12 de maio de 2014.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: CUBO de NORMAL.
Prezos: 35€ comunidade universitaria da UDC (25€ en segunda matrícula) / 55€ público xeral (45€ en segunda matrícula)
Créditos solicitados: 2 créditos libre elección (plans antigos), 1 crédito recoñecemento (plans novos)
Participantes: un mínimo de 8 e un máximo de 15 persoas

Matrícula:
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o 1 até o 23 de febreiro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña, seguindo estas instrucións:
• elixa o obradoiro no que quere inscribirse
• prema en “ver máis”
• siga a ligazón “inscrición”
• seleccione o xeito de pagamento e confirme

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es