6 Outubro 2016, 18:00

http://istoenormal.org/images/575.jpg

Obradoiro de investigación e experimentación en música Drone

Obradoiro de achegamento ao drone como forma de expresión musical.

ZUNZÚN
Grupo de investigación e experimentación en Música Drone

Drone é reiteración, repetición contínua de sons. Malia que poida parecer un fenómeno contemporáneo asociado aos procesos industrias da vida urbana, o drone, o zunzún, o zunido, áchase na natureza dende os inicios da vida baseada no carbono, dende que a evolución deu coa enerxía acústica como forma de interacción entre seres vivos. Na natureza atopamos exemplos de drone tanto en procesos xeofónicos (chuvia, vento, mareas, etc.) como noutros relacionados coa supervivencia e a vida cotiá de especies animais e vexetais.

Neste obradoiro achegarénomos o drone como forma de expresión musical. Unha práctica que é tan antiga como a mesma humanidade. Atopamos exemplos de drone aplicado á experiencia musical en diversas tradicións culturais ao longo da xeografía planetaria: dende o roncón das gaitas en calqueira das súas manifestacións identitarias, ata o son penetrante e oco do didjeridoo dos aborixes australianos, pasando pola tambura hindú, os cánticos difónicos propios de Mongolia e Asia Central ou mesmo no serialismo de vangarda de mediados do século XX. Pero tamén na vida urbana contemporánea que, desde finais do século XVIII e da man da chamada Revolución Industrial, incorporou nas súas contornas sonoras a presenza das automatizacións maquinais.

A idea central deste obradoiro, impartido polo músico e antropólogo Miguel Alonso Cambrón, é dar forma a un grupo de traballo arredor da práctica da drone music. Traballaremos cuestións relacionadas coas texturas sonoras e os ritmos, as formas de interpretación en función dos imaxinarios colectivos, a representación gráfica ou verbal dos sons para propósitos específicos alén do fundamentalismo academicista, e a súa transmisión oral cara ao entendemento entre executantes e audiencias posibles. Repasaremos algunhas das formas históricas do drone e, por enriba de todo, aprenderemos a practicalo colectivamente como forma musical en tódalas acepcións e achegamentos estilísticos posibles que nos poidan parecer interesantes. Combinaremos sesións teóricas e de debate con outras propiamente prácticas cara á elaboración dun proxecto escénico final.

Datas: todos os xoves entre o 6 de outubro de 2016 e o 19 de xaneiro de 2017.
Horario: de 18:00 a 20:30 horas.
Lugar: Aula 2.5 de NORMAL.
Prezos: 40€ estudantes / 60€ PAS e PDI / 80€ público xeral / 45€ persoas desempregadas ou con minusvalía

Matrícula:
O prazo de matrícula e pagamento comprende do 19 ao 30 de setembro de 2016. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña.
As incidencias da matrícula en liña nos obradoiros, serán atendidas no correo info@istoenormal.org ou no teléfono 881 014 502 en quenda de mañá.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 881 014 502 Mail: info@istoenormal.org