12 Decembro 2011, 16:00

  • Cubo de NORMAL

Obradoiro Arte Sonora dirixido por Alyce Santoro

A artista norteamericana Alyce Santoro pasará o 12 de decembro por NORMAL para impartir un obradoiro sobre a arte sonora, en que os participantes crearán paisaxes sonoras a partir de gravacións realizadas no propio edificio e no seu contorno.

Neste obradoiro, os estudantes serán guiados a través dun proceso creativo en que se fomentarán as técnicas de escoita atenta do contorno. Traballarase de forma colectiva, profundando nos límites do concepto tradicional da música, ampliando as súas posibilidades cara a novos espazos creativos e fomentando así a súa utilización en calquera disciplina artística ou científica.
Os participantes coñecerán tamén da man da propia Alyce os traballos artísticos que leva desenvolvendo desde hai algúns anos, tomando como punto de partida o ’sonic fabric’, unha tea sonora elaborada a partir da cinta magnética das antigas casetes e que ten a propiedade de soar cando se frega cun cabezal dun reprodutor, como os vellos walkman.
Seguindo ese proceso, a artista está dirixindo a confección dun traxe sonoro galego, elaborado a partir de casetes con gravacións enviadas por cincuenta bandas e músicos galegos, entre as que se atopan desde bandas de pop e electrónica a grupos de música clásica, popular e mesmo medieval. A confección final do traxe corre a cargo de deseñadores galegos e a súa presentación farase na Cidade da Cultura durante o mes de decembro.



Matrícula gratuíta. Prazo de inscrición aberto. Límite 20 prazas por orde de inscrición.
A actividade terá lugar dende as 16 horas até as 21 horas.
Os alumnos acudirán con algún dispositivo de gravación de son (gravadora, teléfono móbil…)
Máis información e matrícula en NORMAL, Espazo de Intervención Cultural de Riazor, Paseo de Ronda, n.º 47, campus de Riazor. A Coruña. info@istoenormal.org

http://www.alycesantoro.com/

http://www.sonicfabric.com/