14 Decembro 2011, 17:00

  • Impartido por Nin9 en NORMAL
  • Do 14 ao 16 e do 19 ao 20 de decembro; 17:00 ás 19:00 horas
http://istoenormal.org/images/117.jpg

Obradoiro de esterxido (stencil)

O esterxido (stencil) é unha técnica artística de decoración en que se emprega un patrón cun debuxo recortado sobre o que se aplica pintura para así obter un debuxo coa mesma forma. A súa práctica está moi ligada a arte urbana e a expresión artística nas rúas.

Un dos xeitos máis comúns de facelo é recortando a imaxe desexada sobre unha folla de papel duro; o debuxo aparece como un espazo aberto con zonas sólidas ao redor. O modelo así obtido sitúase sobre unha nova folla de papel e aplícase a pintura sobre toda a superficie. As zonas de pintura que chegan á folla inferior fican limitadas á forma dos ocos do patrón. Créase, así, a imaxe desexada.

O proceso do esterxido empregábase xa na antiga Roma, aínda que alcanzou maior grao de popularidade nos Estados Unidos durante a década de 1960, cando moitos artistas recorrían como medio de expresión ás cores puras e ás imaxes de contornos marcados. Na actualidade é unha técnica moi ligada á arte urbana, isto é, á expresión artística nas rúas dos centros urbanos. É alí onde a práctica se presenta dunha forma similar á dos medios de comunicación masiva: emprega técnicas similares, mais para expresar un discurso contraditorio, desconcertante e, habitualmente, crítico.
O obradoiro ten como obxectivo fomentar a creatividade do alumnado e permitir mediante un patrón reproducir e plasmar unha imaxe múltiples veces e sobre calquera superficie, o cal poderá ser aplicado a múltiples campos como o da decoración, a rotulación, a arte…
Na primeira sesión farase unha introdución á historia da técnica e o seu emprego na arte urbana para xa logo comezar cunha parte práctica en que se explicarán os procesos de selección e tratamento de imaxes, a maquetación e o corte de patróns. Finalmente, rematarase coa creación mural e coas técnicas de pintura.


Do 14 ao 16 e do 19 ao 20 de decembro; 17:00 ás 19:00 horas


Obradoiro Impartido por Nin9 (http://www.flickr.com/photos/nin9/)


Matrícula aberta, límite 15 prazas.
Prezos: 35 euros comunidade universitaria/ 55 euros persoas alleas a ela
Máis información e matrícula en NORMAL, Espazo de Intervención Cultural de Riazor, Paseo de Ronda, n.º 47, campus de Riazor. A Coruña. info@istoenormal.org