10 Decembro 2012, 18:00

http://istoenormal.org/images/291.jpg

Obradoiro de esterxido (stencil)

O artista NIN9 ofrece un obradoiro onde coñecer as técnicas básicas do esterxido (stencil), unha das prácticas máis creativas da arte urbana.

O esterxido (stencil) é unha técnica artística de decoración en que se emprega un patrón cun debuxo recortado sobre o que se aplica pintura para así obter un debuxo coa mesma forma. A súa práctica está moi ligada a arte urbana e a expresión artística nas rúas.

Un dos xeitos máis comúns de facelo é recortando a imaxe desexada sobre unha folla de papel duro; o debuxo aparece como un espazo aberto con zonas sólidas ao redor. O modelo así obtido sitúase sobre unha nova folla de papel e aplícase a pintura sobre toda a superficie. As zonas de pintura que chegan á folla inferior fican limitadas á forma dos ocos do patrón. Créase, así, a imaxe desexada.

O proceso do esterxido empregábase xa na antiga Roma, aínda que alcanzou maior grao de popularidade nos Estados Unidos durante a década de 1960, cando moitos artistas recorrían como medio de expresión ás cores puras e ás imaxes de contornos marcados. Na actualidade é unha técnica moi ligada á arte urbana, isto é, á expresión artística nas rúas dos centros urbanos. É alí onde a práctica se presenta dunha forma similar á dos medios de comunicación masiva: emprega técnicas similares, mais para expresar un discurso contraditorio, desconcertante e, habitualmente, crítico.

O obradoiro ten como obxectivo fomentar a creatividade do alumnado e permitir mediante un patrón reproducir e plasmar unha imaxe múltiples veces e sobre calquera superficie, o cal poderá ser aplicado a múltiples campos como o da decoración, a rotulación, a arte…

Na primeira sesión farase unha introdución á historia da técnica e o seu emprego na arte urbana para xa logo comezar cunha parte práctica en que se explicarán os procesos de selección e tratamento de imaxes, a maquetación e o corte de patróns. Finalmente, rematarase coa creación mural e coas técnicas de pintura.

Impartirá este obradoiro o artista urbano NIN9. Formado en campos como o deseño gráfico, de interiores ou a delineación, a súa paixón pola arte urbana e un afán autodidacta fan que leve una década explorando todas as vertentes do street art chegando a dominar a técnica do esterxido (moldes).

Obradoiro dirixido a un máximo de 15 persoas.

Datas: Do 10 ao14 de decembro de 2012
Horario: de 18:00 a 20:00 horas (10 horas en total)
Lugar: aula de obradoiros de NORMAL
Prezos: 20€ comunidade universitaria da UDC / 35€ público xeral

Preinscrición e matrícula:
O prazo de preinscrición comprende desde o día 15 de novembro até o 5 de decembro ás 14 horas. A reserva de praza pode facerse en liña nesta ligazón.

O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 6 de decembro até o 12 do mesmo mes ás 14 horas. Pode facerse na mesma plataforma en liña, seguindo estas instrucións:
• autentique a súa identidade
• prema na lapela de “actividades”
• elixa o obradoiro no que fixo a preinscrición
• prema en “ver máis”
• siga a ligazón “reserva”
• seleccione o xeito de pagamento e confirme

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es