13 Outubro 2014, 14:00

http://istoenormal.org/images/461.jpg

Obradoiro DUCIA DE CANS

Queres participar na posta en marcha do noso próximo proxecto? Apúntate no obradoiro DUCIA DE CANS e contribúe ao proceso teórico e práctico de construción do mesmo!

O curso propón a reflexión sobre a reconversión do cotián que suxire o Festival de Cans. Esta reflexión levarase a cabo a través da investigación, tanto desde a perspectiva territorial e a transformación do espazo habitado, como desde a propia interpretación das súas formas construídas. O curso desenvolverase en dúas fases, unha inicial, máis teórica, de análise e deseño colectivos e unha posterior, máis práctica, a modo de obradoiro de construción da solución proposta, a cal servirá de soporte físico da exposición DUCIA DE CANS, que ocupará NORMAL entre os meses de novembro de 2014 e xaneiro de 2015.

FASE I (REFLEXIÓN)
DATA: do 13 ao 17 de outubro (de 16:00 a 20:00 horas).
DURACIÓN: 20 horas.
ACTIVIDADE DE PRESENTACIÓN: visita a Cans e encontro cos veciños, asociacións e colectivos que colaboran na organización do festival.
LUGAR DE TRABALLO: NORMAL.

Durante 5 días, en sesións de 4 horas, realizaranse traballos de reflexión sobre a reconversión do cotián que propón o Festival de Cans. Farase unha presentación introdutoria do que é o festival e do espazo (territorio e lugar) en que se desenvolve. Analizaranse as transformacións que se realizan cada ano para reconverter os elementos da aldea (construídos ou non) que constitúen e dan forma a unha nova realidade durante o curto período de tempo que dura o festival. Estudarase a relación entre arquitectura e festa, mais tamén as permanencias que van quedando como melloras para os habitantes de Cans, tanto do seu imaxinario como do espazo que utilizan. Tamén a importancia do que representa Cans para a xente que pasa polo festival, a importancia deste xeito de facer arquitectura a partir da creación de infraestruturas que vinculan entre si a cultura, a produción de novos espazos e a co-participación cidadá. Destas reflexións sairán as ideas, investigacións e proxectos que formarán parte e servirán de soporte dos contidos da exposición DUCIA DE CANS. Este traballo permitirá chegar á definición, tanto da organización e distribución das pezas da exposición, como á súa construción, cuantificando as necesidades de material con que se traballará na fase II do obradoiro.

Imaxes da visita do alumnado do obradoiro a Cans.

FASE II (CONSTRUCIÓN E MONTAXE)
DATA: do 25 ao 30 de outubro (de 16:00 a 20:00 horas).
DURACIÓN: 30 horas.
LUGAR DE TRABALLO: NORMAL.

Durante 6 días, en sesións de 5 horas, realizaranse os traballos de elaboración e construción das pezas e montaxe da exposición DUCIA DE CANS, que dará comezo o xoves 30 de outubro. Os traballos realizaranse por grupos de alumnos, organizados en función dos soportes e tipos de peza en que han traballar e que previamente foron pensados na fase I. A construción das pezas suporá unha aprendizaxe na montaxe destas, en traballo colaborativo e coordinados polos profesores do taller que, en todo momento, estarán participando con eles. Ao mesmo tempo, entre todos, iranse coordinando o conxunto das pezas e o material que se exporá ata chegar á disposición escollida que terá o día da inauguración. A partir de aí, e como parte importante do desenvolvemento da exposición e dos contidos do obradoiro, os alumnos irán participando voluntariamente na programación e organización dos distintos eventos previstos, reconvertendo, habilitando e modificando o espazo creado. O obradoiro, deste xeito, serve non só para a creación dun soporte, senón tamén dunha estratexia que permitirá comprobar os seus resultados ao prolongar a súa continuidade como parte activa nos eventos musicais, proxeccións, conferencias e debates que han ter lugar periodicamente en NORMAL.

Dirixen a actividade Juan Creus, profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura, e Alfonso Pato, director do Festival de Cans. O profesorado estará formado por profesionais da arquitectura e as ciencias sociais da cooperativa galega Habitat Social e do estudo CREUSeCARRASCO.

Prezo: 10€
Créditos solicitados: 2 créditos libre elección (plans antigos), 1 crédito recoñecemento (plans novos)
Participantes: máximo 25 persoas (por currículo, traxectoria e intereses)

Matrícula:
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o 1 até o 12 de outubro de 2014. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org