5 Outubro 2015, 17:00

http://istoenormal.org/images/552.jpg
Imaxe: Louise Bourgeois

O ollo da Arte I

Obradoiro de creación artística contemporánea onde coñecer, descubrir e compartir a práctica contemporánea a través dunha mirada propia.

Para participar non se precisa ningunha experiencia previa e está destinado a todas as persoas que están interesadas no feito artístico, xa sexa desde o punto de vista do espectador como da acción. Neste obradoiro crearase a través dun programa definido, un espazo de convivencia ao redor da teoría e da práctica propoñendo ferramentas que axuden ao descubrimento do propio proceso artístico e fomentando o desenvolvemento das capacidades e habilidades artísticas de cada participante.

Buceando en disciplinas moi diversas que van desde a fotografía ao collage, ou do video á arte urbana, pasando por outras como a performance ou o cinema experimental e a literatura, en O ollo da Arte plantexamos un programa aberto que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ampliar referentes sendo máis conscientes do acto creativo, da experiencia, do debate e da aprendizaxe grupal.

Tod@s aqueles e aquelas que participen en O ollo da Arte I no primeiro cuadrimestre poderán continuar a experiencia no Ollo da Arte II. Laboratorio de Creación durante o segundo cuadrimestre. Entre outras cuestións, afondaremos nos contidos iniciados na primeira parte e plantexarase un laboratorio de creación, coa fin de crear un marco idóneo no que cada participante poida transitar os seu propio proceso artístico. Os traballos resultantes serán presentados a finais de xullo nunha Mostra aberta ao público en NORMAL.

Pódese coñecer un pouco máis de preto o universo de O ollo da Arte a través deste vídeo…

O curso é impartido por Antía Otero. É licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Historia e Estética do Cinema pola Universidade de Valladolid e Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual de Artea, pola Universidade de Alcalá e o Reina Sofía. Como poeta é autora de O Son da Xordeira (2003) e RetroVisor (2010). No campo da creación escénica traballa a partir dun código híbrido entre diferentes disciplinas artísticas, creando propostas personais con textos propios. Imparte obradoiros artísticos e de escrita e na forma parte de varios colectivos de creación. Na actualidade codirixe o proxecto cultural Apiario.

Datas: todos os luns entre o 5 de outubro de 2015 e o 8 de febreiro de 2016.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: CUBO de NORMAL.
Prezos: 35€ comunidade universitaria da UDC (25€ en segunda matrícula), persoas desempregadas e xubiladas / 55€ público xeral (45€ en segunda matrícula)
Créditos solicitados: 2 créditos libre elección (plans antigos), 1 crédito recoñecemento (plans novos)
Participantes: máximo 15 persoas

Matrícula:
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 14 de setembro até o 2 de outubro de 2015. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org