24 Abril 2014, 06:27

http://istoenormal.org/images/433.jpg

Prácticas abertas de Pisando Ovos

A compañía de danza Pisando Ovos abre o seu proceso creativo ao público en NORMAL.

O xoves 24 e o venres 25 de abril, a partir das 13:30 horas, Rut Balbís, bailarina e corógrafa de Pisando Ovos, abrirá os ensaios do seu novo espectáculo, Que volvan as flores, ao público interesado.

Este proceso de creación en aberto repetirase novamente o martes 6 de maio ás 13 e ás 19 horas, así como o mércores 7 e o xoves 8 a partir das 13 horas.

Segundo a propia artista, Que volvan as flores constrúese a partir da práctica diaria arredor dun mesmo concepto, “o desapego”, e coa intención de atopar unha nova forma no proceso de creación desde “o refacer”. Estas prácticas abertas, co convite á participación do público, parten do feito de reclamar a importancia do proceso fronte o resultado e de entender a práctica como exercicio que se basea na acción e que se repite de forma continuada para adquirir unha habilidade.

A estrea de Que volvan as flores terá lugar o venres 16 de maio no Teatro Ensalle de Vigo, onde repetirá funcións as dúas noites seguintes. Despois pasará polo Teatro Rosalía Castro da Coruña o 31 dese mesmo mes.

Alén da súa faceta artística individual á fronte de Pisando Ovos, Rut Balbís tamén é coordinadora da Aula da Danza NORMAL da Universidade da Coruña.