3 Xuño 2016, 18:30

http://istoenormal.org/images/570.jpg

Presentación de 'Sintética', da compañía Mudanza

Mudanza, a compañía formada por Patricia Iglesias e Marta Cuba, presenta Sintética, unha peza de danza contemporánea que xermolou durante unha residencia en NORMAL e que foi estreada o pasado mes de abril no Teatro Rosalía Castro.

Fibra: substantivo feminino que pode significar vigor, enerxía, robustez e tamén sentimento ou sensibilidade.

Sintética é un encontro de contradicións, unha procura de carne e de plástico, de tecido e baleiro. Unha procura de tacto e de cheiro. Unha procura de desexo.

Artificial e natural, estática e dinámica, feminina e feminidade. Tempo e velocidade, reflexión e precipitación. Velocidade interna e velocidade imposta, improvisar e calcular. Sintética e analítica.

En Mudanza únense o desexo de movemento, de experimentar o proceso de crecemento e de coñecemento. No espazo entre a distancia e a proximidade, entre o coñecido e o descoñecido, procura de desexo. A morte transfórmase en vida, o inmóbil adquire movemento, a vida conéctase coa alma. Mudanza é expansión, mutación, alteración; é quietude, equilibrio e repouso, distancia e proximidade, semellanza e diferenza.

A compañía comezou a xuntarse a mediados do 2014 e a formación foi variando até o momento presente, segundo as necesidades vitais de cada membro. Na actualidade, Mudanza está formada por Patricia Iglesias e Marta Cuba. No curso 2016 estiveron en residencia artística nas instalacións de NORMAL.

Entrada libre até completar a capacidade da sala.