22 Xullo 2012, 09:47

http://istoenormal.org/images/244.jpg

(Retro)visor en residencia

Durante os meses de xullo e setembro agromará o novo proxecto de ‘perfopoesía’ (Retro)visor, dos artistas Antía Otero e Isaac Garabatos, actualmente de residencia creativa en NORMAL.

(Retro)visor parte desa feble liña que separa o real da ficción coa vontade de construír un espazo de identidade onde a voz se sinta cómoda. Non en van, este é un poemario confesional, aínda que configura unha confesión prometida que nunca dá chegado.

Con imaxes de Win Wenders como telón de fondo e creando un lugar de silencio cheo de palabras, (Retro)visor constrúese a partir da hibridación de diferentes disciplinas, onde o código poético entrelaza un discurso de longo monólogo, de extenso poema intimista con forma de road-movie.

Desde o cotián, apreixado nun fotograma de París-Texas, a confesión realiza aquí unha viaxe pola estrada interior para chegar á reflexión vital e ao pensamento.