7 Maio 2013, 12:00

http://istoenormal.org/images/343.jpg

TCM/ 'Memoria', con Begoña Ante + Universidade Sénior

Este obradoiro quere indagar poeticamente no recordo que os alumnos e alumnas da Universidade Sénior teñen de distintos espazos da Coruña.

Fotografía e palabra serán os eixes centrais desta instalación artística que nace a partir dos fragmentos vitais dun dos colectivos máis habituais de NORMAL.

A través de dous obradoiros-workshop, que terán lugar o luns 7 de maio ás 12 horas e o venres 10 de maio ás 10 horas, o proxecto Memoria persegue indagar no recordo que os alumnos e alumnas da Universidade Sénior teñen de distintos espazos da cidade da Coruña, seleccionados polos propios participantes como lugares especiais e significativos na súa vida. Partindo deles, buscarase rememorar, a través de varias sesións, os lugares que xa non existen, eses espazos protagonistas de historias cotiás que xa non se viven se non é a través da memoria.

Este proceso de indagación colectivo será trasladado ao espazo expositivo. Unha vez definidos os lugares da Memoria, a artista realizará diversas fotografías dos espazos no seu estado actual, mais matizando a súa representación artística coas historias, lembranzas e anécdotas tratados durante o workshop: como era a vida deses lugares, as xentes que os transitaban, a súa transformación física… Todo o que nos é transmitido dende o pasado a través da palabra dos nosos maiores.

Unha vez seleccionadas, estas fotografías serán dispostas no propio espazo expositivo e, de cada unha, xurdirán diversas frases e extractos das historias recompiladas previamente que, debuxando varios camiños, avanzarán pola parede e o chan até a entrada da sala.