16 Outubro 2013, 09:00

http://istoenormal.org/images/363.jpg

Teatro Sénior

Curso teatral dirixido ao alumnado sénior onde se pretende facer un achegamento ao teatro e á expresión dramática dun xeito lúdico e creativo.

A través do xogo e o Teatro en Movemento desenvólvense a espontaneidade corporal, o instinto e a percepción, esenciais na expresión dramática. Partindo de experiencias vitais, exploraremos a dinámica da relación entre vida e teatro, como dous elementos que se influencian mutuamente. Desde a experiencia vital que o alumnado da Universidade Sénior posúe, enriquece a experiencia teatral e, desde a experiencia teatral, enriquece as súas vidas. Para seguir a medrar. Para seguir a emocionarse. Para seguir emocionando. Para renovase e poñerse en causa.

Teatro Sénior pretende achegar o teatro e a expresión dramática de xeito lúdico ao alumnado. Sendo a primeira vez que a maioría dos alumnos entran en contacto activamente coas artes escénicas, esta aula pretende ser un espazo de expresión onde se transmita o gusto por estar enriba dun escenario para compartir desexos, soños e reflexións propias.

Obxectivos xerais:

. Desenvolver as capacidades e habilidades do alumnado a través de actividades de expresión dramática.

. Estimular a consciencia corporal, a percepción da plasticidade do xesto, dos movementos e das posturas.

. Desenvolver actividades de expresión tanto individuais como en grupo: espontaneidade, observación e percepción.

. Descubrir as posibilidades da voz e desenvolvelas dacordo coa técnica vocal.

. Quebrar barreiras nas relacións interpersoais. Crear materia colectivamente, desenvolvendo o sentido de pertenza a un grupo, fundamental nunha troupe de teatro.

. Agudizar o sentido da crítica construtiva e a reflexión.

Teatro Sénior pretende ser un espazo no que cada alumno poda expresar a súa creatividade de acordo coa individualidade. Crearemos as condicións de confianza e seguridade necesarias para acadar estes obxectivos.

Dentro dunha atmósfera lúdica que o xogo corporal propicia, os alumnos teñen a posibilidade de exporar xestos, actitudes e movementos que a vida cotiá non lles permite realizar. O teatro en movemento permite ao actor abordar a interpretación teatral de forma progresiva, alimentando constantemente a dimensión técnica das linguaxes coa riqueza dos estados dramáticos.

Imparte este curso María Torres, co-directora e actriz da compañía Elefante Elegante. Licenciouse accidentalmente en Ciencias Empresariais na UDC. Postgrao de Arte Dramática na USC. Estudiou Comedia dell’arte con Antonio Fava en Italia e Teatro Antropolóxico con Eugenio Barba en Sevilla e en Polonia. Cunha bolsa da Deputación da Coruña diplomouse na Ecole Lassad, en Bruxelas. Segue a pedagoxía de Jacques Lecoq do estudo do movemento.

Datas: todos os mércores entre o 16 de outubro e o 18 de decembro de 2013.
Horario: de 11:00 a 13:00 horas (20 horas en total).
Lugar: aula de Teatro de NORMAL.
Prezos: 35€ comunidade universitaria da UDC (25€ en segunda matrícula) / 55€ público xeral (45€ en segunda matrícula)
Participantes: un mínimo de 15 e un máximo de 25 persoas.

O prazo de matrícula comeza o día 8 de outubro. A autoliquidación realizarase nas oficinas da Área de Cultura en NORMAL.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es