14 Xuño 2013, 20:00

  • CUBO
http://istoenormal.org/images/354.jpg
Foto: Miguel Calvo

Vertixe Sonora Ensemble en concerto

Baixo o titulo El Gran Cabrón e outras litografías, Vertixe Sonora Ensemble presentará un programa onde prima o diálogo entre a música escrita e a música de creación espontánea.

Nesta nova proposta, Vertixe Sonora Ensemble plantexa un diálogo entre música escrita e música de creación espontánea. Trátase dun exercicio de interpretación, improvisación e composición onde, a partir de tres obras de referencia, derivaranse os materiais de todo un concerto no que as propias composicións serán presentadas dun xeito fragmentado, entrelazadas, deconstruídas e superpostas. Pezas achadas como illas nun océano de continuo fluír improvisatorio, para nos situar nelas cunha mirada nova, para destilar a súa esencia e poñela en contacto coa esencia nosa, creando un discurso sobre outro discurso xa creado, destruíndo unha forma para obter unha forma nova, unha forma nosa, na que convivan as experiencias da interpretación máis precisa coa capacidade de creación e reacción espontánea.

O programa do concerto estará formado polas obras: VIV (2005), da compositora coreana afincada en Suíza Junghae Lee ; os Três Quadros sobre Pedra (2009), orixinal para percusión e música pregrabada do portugués Luis Antunes ; e a máis recente El Gran Cabrón (2012), peza para saxofón barítono e computadora do emerxente compositor madrileño Germán Alonso.

INTÉRPRETES:
Pablo Coello, saxofón
Ángel Faraldo, computadora e difusión de son
Diego Ventoso, percusión

Vertixe Sonora Ensemble é un colectivo flexible que integra solistas de importante traxectoria no ámbito da música contemporánea en Galicia e favorece un espazo aberto á reflexión, discusión e intercambio na música contemporánea. Está formado por artistas sonoros, artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e a danza cunha común vontade por desenvolver propostas musicais cunha perspectiva artística global.

A entrada é libre até completar a capacidade da sala.