3 Xullo 2012, 20:00

  • CUBO de NORMAL
  • Entrada libre e de balde
http://istoenormal.org/images/221.jpg
Glauber Rocha, Deus e o diaño na Terra do Sol (1964)

VIAXES, VIDAS: Deus e o diaño na Terra do Sol

Viaxes, Vidas acolle un dos fitos cinematográficos do Cinema Novo brasileiro e do xenio de Glauber Rocha.

Considerado o máximo expoñente do Cinema Novo brasileiro, Glauber Rocha inauguraba con Deus e o diaño na Terra do Sol a súa triloxía sobre o sertão nordestino. A historia comeza co asasinato do coronel Morais a mans do vaqueiro Manuel, farto da explotación da que era vítima. Foxe con Rosa, a súa muller, e acaban uníndose aos seguidores do beato Sebastião en Monte Santo, un lugar sagrado que promete o fin do sufrimento. Cando presencian o sacrificio dunha crianza, Rosa mata o beato e foxen novamente, nunha longa viaxe que os levará en dirección ao mar.

Glauber Rocha explicaba así a xénese do filme: “Eu parti do texto poético. A origem de Deus e o diabo é uma língua metafórica, a literatura de cordel. No Nordeste, os cegos, nos circos, nas feiras, nos teatros populares, começam uma história cantando: eu vou lhes contar uma história que é de verdade e de imaginação, ou então que é imaginação verdadeira. Toda minha formação foi feita nesse clima. A idéia do filme me veio espontaneamente.”

Título orixinal: Deus e o Diavo na Terra do Sol
Director: Glauber Rocha
Guión: Glauber Rocha e Walter Lima Jr.
Director de fotografía: Waldemar Lima
Música: Villa-Lobos e Sérgio Ricardo
Produción: Luiz Augusto Mendes
Reparto: Geraldo Del Rey, Yoná Magalhães, Maurício do Valle, Othon Bastos, Lídio Silva, Sônia dos Humildes, Marrom, Antônio Pinto, João Gama
País: Brasil
Ano: 1964
Duración: 115 minutos

As peregrinacións medievais a Compostela, o Grand Tour da mocidade europea do XVIII, as road movies americanas, as montañas de Katmandú ou as herbas de Chefchaouen, o destino vital da Meca… A metáfora da viaxe como vida. Ou a viaxe cando non é simple turismo, inercia, un deixarse levar. Estas películas falan da viaxe como experiencia transformadora, non sempre en espazos exóticos, pois a viaxe é ante todo percorrido interior. Unha historia verdadeira, de Lynch, puidera ser a máis radical nesa negación do fácil exotismo. In this World, de Winterbottom, a inversión do exotismo desde as olladas de dous rapaces afgáns que procuran o soño europeo. Viaxes, Vidas, o ciclo de cinema que cerra o curso en NORMAL.

PRÓXIMAS PROXECCIÓNS DE VIAXES, VIDAS:

17 XULLO: Unha historia verdadeira (1999), de David Lynch

24 XULLO: O ollar de Ulises (1995), de Theo Angelopoulos

31 XULLO: Estraños no paraíso (1984), de Jim Jarmusch