31 Xullo 2012, 20:00

  • CUBO de NORMAL
  • Entrada libre e de balde
http://istoenormal.org/images/224.jpg
Jim Jarmusch, Estraños no paraíso (1984)

VIAXES, VIDAS: Estraños no paraíso

Coa ópera prima de Jim Jarmusch remata VIAXES, VIDAS, o ciclo de cinema que pecha o curso en NORMAL.

Jim Jarmusch é o cineasta americano que mellor representa a vitalidade do cinema independente USA, alleo aos estereotipos de Hollywood. Nel conflúen moitas das liñas que definen esa cultura alternativa, criada nas rúas de Chicago ou Nova York, fertilizada coa mestría de Nicholas Ray, a música e a amizade de Tom Waits, ecos da Factory warholiana e que trae de volta a casa a contaminación americana do cinema europeo, tal como vimos en Wenders.

Estraños no paraíso pasa por ser o seu primeiro filme e representa un arriscado desafío ao cinema convencional, xa a partir do seu fermoso branco e negro. En chave discutible de comedia, narra a disparatada viaxe de tres mozos desde Nova York até Florida.

Título orixinal: Stranger than Paradise
Director: Jim Jarmusch
Guión: Jim Jarmusch
Director de fotografía: Tom DiCillo
Música: John Lurie, Aaron Picht
Produción: Sara Driver
Reparto: John Lurie, Eszter Balint, Richard Edson, Cecillia Stark, Danny Rosen, Tom DiCillo
Países: Estador Unidos, Alemaña
Ano: 1984
Duración: 89 minutos

As peregrinacións medievais a Compostela, o Grand Tour da mocidade europea do XVIII, as road movies americanas, as montañas de Katmandú ou as herbas de Chefchaouen, o destino vital da Meca… A metáfora da viaxe como vida. Ou a viaxe cando non é simple turismo, inercia, un deixarse levar. Estas películas falan da viaxe como experiencia transformadora, non sempre en espazos exóticos, pois a viaxe é ante todo percorrido interior. Unha historia verdadeira, de Lynch, puidera ser a máis radical nesa negación do fácil exotismo. In this World, de Winterbottom, a inversión do exotismo desde as olladas de dous rapaces afgáns que procuran o soño europeo. Viaxes, Vidas, o ciclo de cinema que cerra o curso en NORMAL.