26 Xuño 2012, 20:00

  • CUBO de NORMAL
  • Entrada libre e de balde
http://istoenormal.org/images/220.jpg
Michael Winterbottom, In this world (2002)

VIAXES, VIDAS: In this world

O británico Michael Winterbottom triunfou no Festival de Berlín con esta historia incómoda e valente. Continúa o ciclo Viaxes, Vidas.

Esta valente proposta realizada polo cineasta británico Michael Winterbottom foi premiada co Oso de Ouro ao mellor filme no Festival de Berlín de 2002. In this world achégase con intención provocadora ás miserias da inmigración cara os países occidentais e os problemas para acadar asilo. A historia acompaña a viaxe de dous refuxiados afgáns desde un campo de refuxiados en Paquistán até Londres, coas mafias que trafican cos inmigrantes como telón de fondo.

En clave de docudrama, o filme retrata unha viaxe idéntica á que realizan os miles de refuxiados que parten de Oriente Medio rumbo á terra prometida e pon en primeiro plano o valor e a esperanza humana destas persoas en conflito cos egoísmos do mundo prometido.

Título orixinal: In this world
Director: Michael Winterbottom
Guión: Tony Grisoni
Director de fotografía: Marcel Zyskind
Música: Dario Marianelli
Produción: Andrew Eaton e Anita Overland
Reparto: Jamal Udin Torabi, Enayatullah, Nabil Elouahabi
País: Reino Unido
Ano: 2002
Duración: 88 minutos

As peregrinacións medievais a Compostela, o Grand Tour da mocidade europea do XVIII, as road movies americanas, as montañas de Katmandú ou as herbas de Chefchaouen, o destino vital da Meca… A metáfora da viaxe como vida. Ou a viaxe cando non é simple turismo, inercia, un deixarse levar. Estas películas falan da viaxe como experiencia transformadora, non sempre en espazos exóticos, pois a viaxe é ante todo percorrido interior. Unha historia verdadeira, de Lynch, puidera ser a máis radical nesa negación do fácil exotismo. In this World, de Winterbottom, a inversión do exotismo desde as olladas de dous rapaces afgáns que procuran o soño europeo. Viaxes, Vidas, o ciclo de cinema que cerra o curso en NORMAL.

PRÓXIMAS PROXECCIÓNS DE VIAXES, VIDAS:

3 XULLO: Deus e diaño na Terra do Sol (1964), de Glauber Rocha

17 XULLO: Unha historia verdadeira (1999), de David Lynch

24 XULLO: O ollar de Ulises (1995), de Theo Angelopoulos

31 XULLO: Estraños no paraíso (1984), de Jim Jarmusch