24 Xul, 19:00
- CUBO de NORMAL
- Entrada libre e de balde
VIAXES, VIDAS: O ollar de Ulises
ciclo cinema proxecciónO recentemente falecido Theo Angelopoulos sacudiu o cinema da década dos noventa con este retrato poético da vella Europa, nunha das súas obras máis senlleiras.
No que pasa por ser o mellor filme de Theo Angelopoulos, un cineasta grego regresa á súa cidade natal para partir a través dos Balcáns en procura de tres bobinas sen revelar que conteñen o ollar inocente dos pioneiros do cinema grego: o primeiro ollar.
A imaxe da colosal estatua de Lenin que despraza unha barcaza por un río resume este retrato poético da vella Europa a través dos seus símbolos que é O ollar de Ulises. De Atenas a Skopje, de Sofía a Bucarest, polo Danubio até Belgrado e Saraievo, sucédense as escalas dun percorrido en que o cineasta coñecerá o amor e a amizade.
Título orixinal: To Vlemma tou Odyssea
Director: Theo Angelopoulos
Guión: Tonino Guerra, Theodoros Angelopoulos, Petros Markaris
Director de fotografía: Yorgos Arvanitis
Música: Eleni Karaindrou
Reparto: Harvey Keitel, Maïa Morgenstern, Erland Josephson, Thanassis Vengos, Yorgos Michalakopoulos, Dora Volanki
Países: Grecia, Francia, Italia
Ano: 1995
Duración: 176 minutos
As peregrinacións medievais a Compostela, o Grand Tour da mocidade europea do XVIII, as road movies americanas, as montañas de Katmandú ou as herbas de Chefchaouen, o destino vital da Meca… A metáfora da viaxe como vida. Ou a viaxe cando non é simple turismo, inercia, un deixarse levar. Estas películas falan da viaxe como experiencia transformadora, non sempre en espazos exóticos, pois a viaxe é ante todo percorrido interior. Unha historia verdadeira, de Lynch, puidera ser a máis radical nesa negación do fácil exotismo. In this World, de Winterbottom, a inversión do exotismo desde as olladas de dous rapaces afgáns que procuran o soño europeo. Viaxes, Vidas, o ciclo de cinema que cerra o curso en NORMAL.
PRÓXIMA E ÚLTIMA PROXECCIÓN DE VIAXES, VIDAS:
31 XULLO: Estraños no paraíso (1984), de Jim Jarmusch
