19 Xuño 2012, 20:00

  • CUBO de NORMAL
  • Entrada libre e de balde
http://istoenormal.org/images/219.jpg
Roberto Rosellini, Viaxe en Italia (1954)

VIAXES, VIDAS: Viaxe en Italia

O percorrido do ciclo de cinema Viaxes, Vidas pasa por Italia da man dunha das obras mestras de Roberto Rosellini.

Esta célebre obra do mestre italiano Roberto Rosellini pasa por ser un dos filmes que marcan o punto de partida da modernidade cinematográfica. En palabras de Jacques Rivette, “coa aparición de Viaggio in Italia todos os filmes envelleceron de golpe dez anos; nada máis desapiadado que a xuventude, que esta intrusión categórica do cinema moderno, onde por fin podemos recoñecer o que agardabamos confusos… Velaí o noso cinema!”

Unha modernidade asentada nunha trama moi sinxela: os Joyce son un matrimonio inglés que realiza unha viaxe por Italia camiño de Nápoles, onde se atopa unha finca que acaban de herdar e queren vender. A que pasaba por ser unha viaxe de pracer, revela todas as carencias da relación matrimonial dos protagonistas e a súa incomunicación.

Título orixinal: Viaggio in Italia
Director: Roberto Rosellini
Guión: Vitaliano Brancati e Roberto Rosellini
Director de fotografía: Enzo Serafin
Montaxe: Jolanda Benvenuti
Música: Renzo Rosellini
Escenografía: Piero Filippone
Produción: Adolfo Fossataro, Alfredo Guarini e Roberto Rosellini
Reparto: Ingrid Bergman, George Sanders, Jackie Frost
Países: Italia e Francia
Ano: 1954
Duración: 79 minutos

As peregrinacións medievais a Compostela, o Grand Tour da mocidade europea do XVIII, as road movies americanas, as montañas de Katmandú ou as herbas de Chefchaouen, o destino vital da Meca… A metáfora da viaxe como vida. Ou a viaxe cando non é simple turismo, inercia, un deixarse levar. Estas películas falan da viaxe como experiencia transformadora, non sempre en espazos exóticos, pois a viaxe é ante todo percorrido interior. Unha historia verdadeira, de Lynch, puidera ser a máis radical nesa negación do fácil exotismo. In this World, de Winterbottom, a inversión do exotismo desde as olladas de dous rapaces afgáns que procuran o soño europeo. Viaxes, Vidas, o ciclo de cinema que cerra o curso en NORMAL.

PRÓXIMAS PROXECCIÓNS DE VIAXES, VIDAS:

26 XUÑO: In this world (2002), de Michael Winterbottom

3 XULLO: Deus e diaño na Terra do Sol (1964), de Glauber Rocha

17 XULLO: Unha historia verdadeira (1999), de David Lynch

24 XULLO: O ollar de Ulises (1995), de Theo Angelopoulos

31 XULLO: Estraños no paraíso (1984), de Jim Jarmusch