10 Xullo 2012, 10:00

http://istoenormal.org/images/227.jpg

WORKSHOP DE SÒNIA GÓMEZ E TXALO TOLOZA

O movemento da cámara é un obradoiro que propón un proceso de investigación sobre audiovisuais e movemento cunha das performers máis reputadas do momento e o seu colaborador habitual.

Sobre como UN + UN son 2
As colaboracións entre o movemento de Sònia Gómez e os audiovisuais de Txalo Toloza desenvolvéronse a partir de ideas e liñas de acción moi sinxelas que se foron enriquecendo e complicando co tempo. Dun xeito natural, atoparon unha maneira de traballar esa mestura. Ese esforzo continuo de hibridación diluíu cada vez máis a liña que separa ambas as disciplinas.

Sobre como UN + UN son 3
Desde hai anos, foise consolidando a vídeodanza, ou movemento para a cámara, como un xénero máis ou menos recorrente dentro das artes escénicas híbridas. Na proposta de Sònia Gómez e Txalo Toloza, a cámara deixa de ser un obxecto utilitario para adoptar unha nova forma física en escena, para formar un terceiro corpo, un corpo-máquina que, para alén de ser performado, performa, móvese e realiza.

As liñas de acción do traballo de Sònia Gómez e Txalo Toloza son: – A cámara como un terceiro corpo: recoñecer a súa estrutura, a lóxica dos seus movementos e como o obxecto te performa. – No movemento da cámara editas á vez que realizas e rexistras: non hai montaxe posterior, vai incluída no percorrido. – A cámara móvese con naturalidade. – Confía na accidentalidade e a fisicalidade dos corpos. – A improvisación conéctate co momento presente, un concepto moi empregado en movemento e obviado nas disciplinas audiovisuais. – O movemento non se supedita á cámara; traballan de xeito paralelo. – A cámara inclúese no movemento; corpo e cámara son un. – Cámara e movemento traballan nun mesmo nivel, ambos os dous propoñen e realizan. – O corpo en movemento permite capturar resultados inesperados. – Novas formas de captura, inseridas noutros corpos, noutros chasis.

Todas elas serán tratadas, analizadas e postas en práctica durante este workshop dirixido a un máximo de 12 persoas.

datas Do martes 10 de xullo ao venres 13 de xullo de 2012
horario Das 10:00 ás 14:00 horas (16 horas en total)
lugar Aula de Danza de NORMAL
prezo 50€ membros da comunidade universitaria; 100€ público xeral

Matrícula:
O prazo de matrícula comprende desde o 5 de xuño até o 6 de xullo. Non hai preinscrición e a matrícula formalizarase por orde de chegada. Para constar entre as matriculadas, as persoas usuarias deberán entregar o xustificante de pagamento dentro do prazo indicado polo persoal do servizo.

Máis información en:
NORMAL Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
Tel.: 981 167 000, extensión 4502, correo electrónico: info@istoenormal.org

Área de Cultura. Casa do Lagar, campus de Elviña, A Coruña.
Tel: 981 167 000, extensións 1954 e 1962, correo electrónico: cultura.coruna@udc.es