14 Maio 2015 — 6 Novembro 2015

http://istoenormal.org/images/544.jpg

ATMOSFERAS

As artes, como defensoras dun paradigma de resistencia, non saen ben paradas dentro do sistema educativo. Cada día, instigada desde as esferas políticas, a sociedade asume de xeito natural a exclusión da aprendizaxe creativa das aulas. O activismo artístico pretende quebrantar e fracturar esta situación paradoxal. NORMAL reúne en ATMOSFERAS artistas que, entre estes fragmentos e fisuras, crean terreos fronteirizos.

Leo López, Julio Falagán, Amaya González Reyes, Javier Abad, Alg-a, Marcos Nine e Adrián Crego axitan as esferas do cotián entre o descubrimento, a creación e a invención, e confeccionan modos de actuación e de pensamento crítico para o cambio educativo.

As atmosferas son espazos interactivos de posibilidades ilimitadas que somerxen o espectador nun ambiente relacional. ATMOSFERAS, para o cambio educativo, reflexiona sobre a vida e as rutinas dos individuos en colectividade, as friccións entre o persoal e o comunitario a través de todos os estratos sociais, incluída a exclusión. Invita o espectador a unha interacción entre a artificialidade estética do ambiente creado e a naturalidade das sensacións xeradas dentro dela. Son ambientes que convidan á incomodidade, con instalacións artísticas que funcionan como axitadoras sociais, como un proxecto de posibilidade, politicamente incorrecto e educativamente transformador. Nada que obxectar. Á fin e ao cabo, isto é NORMAL!

COMISARIADO
José María Mesías Lema

PRODUCIÓN
NORMAL
Espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña

COLABORAN
Matadero-Madrid / CGAI / Finsa

Imaxes da inauguración de ATMOSFERAS.

7 ARTISTAS, 7 ATMOSFERAS

1. ALG-A
C4MARA BR4NCA

C4MARA BR4NCA é unha reinvención da “cámara escura” renacentista no espazo dixital. Como se adaptaría? Que significaría? Que resposta ten un medio tan interactivo como o dixital ante este fenómeno? Seguindo a liña de investigación aberta en HERM3TICA, esta obra recolle pautas xeradas na “Cabina adivinatoria do Tarot”, aplicándoas agora nun espazo de experimentación abstraído: o motivo da cámara escura ou caixa máxica dos alquimistas. Tamén forman parte da instalación os materiais xerados no workshop impartido por Alg-a durante a exposición.

ALG-A é un laboratorio de I+D+i ao redor da arte dixital e electrónica, a cultura libre e a cultura dixital. Promove residencias, grupos de investigación, encontros e workshops de forma independente e autoxestionada. Situado na periferia de Vigo, dialoga tanto a nivel local como a nivel autonómico, nacional ou internacional, participando en redes e encontros diversos e tamén acollendo artistas e investigadores de disciplinas emerxentes. Interesados nas conexións entre tradición e vangarda, o analóxico e o tecnolóxico, achéganse ao fenómeno da maxia e a alquimia da tradición á procura de certo rigor experimental que lles permita tamén temperar o enorme potencial tecnolóxico dos dispositivos contemporáneos. Participan en C4MARA BR4NCA Carlos Suárez, como artista sonoro, Horacio González, no desenvolvemento previo de sóftware, e Man_Hauser, como coordinador técnico e artístico do proxecto.

2. ADRIÁN LÓPEZ CREGO
HUMONOS

Neste mundo saturado de estímulos audiovisuais continuos, no hai nin tempo nin espazo para detérmonos e facer unha análise do que estamos a vivir. Somos parte dun todo caótico que alimentamos e que nos impide velo dun modo externo. A instalación pretende somerxer o espectador nunha atmosfera saturada de estímulos que a primeira vista forman parte dun todo. Porén, ao deterse e mirar cada proxección por separado, decatarase de que é a mesma acción repetida infinitamente. Así, cada proxección ten o seu significado independente, mais en conxunto forman parte dun todo ordenado que ten como fondo o concepto da educación.

ADRIÁN LÓPEZ (A Coruña, 1987) defínese como artista autodidacta. Interesado na literatura, a socioloxía, a psicoloxía, a música, a luz, as cores e as formas, emprega a fotografía e o vídeo para pór de relevo sempre aspectos críticos ou filosóficos que inciten a pensar sobre asuntos que considera un lastre para a evolución, por consideralos como correctos ou obvios. Entende que a arte está fortemente ligada á tecnoloxía e está interesado nos novos xeitos de crear e ver arte.

3. MARCOS NINE
PUNTOS DE AUTORIDADE

O contexto representa sempre unha alta porcentaxe de toda información transmitida. En toda mensaxe, os significados, as interpretacións, as sensacións percibidas, varían substancialmente en función do contexto que as soporta. E cada palabra, cada imaxe, cada obxecto leva consigo una carga de connotacións que, dependendo da súa combinación, constrúen distintos contextos. Esta obra versa sobre a educación, pero constrúese primordialmente sobre un contexto. Un contexto que non está directamente na obra, senón que vén implícito no subconsciente de quen a presencia. Os obxectos, as imaxes, cada un dos elementos que a compoñen, son esencialmente abstraccións cargadas parcialmente de significado. Porén, estas abstraccións activan mecanismos na psique do espectador que o retrotraen a unha experiencia pasada. A intención desta obra non é ser suxeito da contemplación do outro, é servir como espello para que o espectador poida contemplarse a si mesmo.

MARCOS NINE (Hannover, 1977) é un cineasta e videocreador que traballa habitualmente nos campos do documentalismo e a experimentación con especial atención ao cinema de apropiación é á realización de pezas cinematográficas a partir de materiais estáticos. A súa obra puido verse en festivais de cinema de gran prestixio como o Festival de Cine Independente de Buenos Aires (BAFICI), o AFI-Discovery Channel Silver Docs, o Seatle International Film Fest (SIFF), a Mostra de Cinema Periférico (S8), o Festival de Málaga, a SEMINCI de Valladolid ou o Festival de Cine Pobre Humberto Solás da Habana, entre outros. No ano 2010 incorpórase ao proxecto artístico La Brecha, que pasou por NORMAL nas súas vertentes de instalación e Cine-Performance. A obra de Marcos Nine puido verse en museos como o CGAC, a Zona C de Compostela, ou a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, así como en distintas sedes do Instituto Cervantes, que exhibiron distintas obras do autor en Nova York, Nápoles, Manchester, Tucson, São Paulo ou Estambul.

4. AMAYA GONZÁLEZ-REYES
DESEO QUE TE GUSTE
(Acciones contra el Síndrome de Diógenes)

“Deseo que te guste” é unha frase feita que pode lerse en moitas etiquetas de regalo. Unha frase que fala da expectativa de atinar, da aspiración de agradar o outro cando lle ofrecemos algo. A instalación ten ese título, pois parte da necesidade de realizarse a través da recepción do espectador. Nun espazo en que hai numerosos obxectos, o espectador é convidado a levar un, mediante un troco no que debe ofrecer algo a cambio: contar o motivo da súa elección. A obra é, por tanto, un dispositivo para establecer un intercambio, para facilitar un proceso de comunicación entre dúas partes actuantes. Entre un e outro créase un pacto, establécese unha ligazón en que cadaquén pode tomar as súas propias decisións a partir dunha estrutura dada, mesmo se se opta por non formar parte dela.

AMAYA GONZÁLEZ REYES (Sanxenxo, 1979) é licenciada en Belas Artes e Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Realizou estadías de traballo e formación en Arteleku (San Sebastián), no Museu Serralves (Porto) e en La Laboral Escena (Xixón), dentro do programa Mugatxoan. Asistiu a diversos talleres con artistas como Gabriel Orozco (Fundación Botín, Santander), Isidoro Valcárcel Medina (Facultade de Belas Artes, Pontevedra) ou David Lamelas (MARCO, Vigo) entre outros. Recibiu a bolsa de creación artística da Fundación Laxeiro de Vigo, a bolsa de produción do programa Mugatxoan e a axuda á produción artística do Centro Cultural Montehermoso Kulturenea de Vitoria. A súa obra pasou por centros de recoñecido prestixio como o CGAC, o MARCO ou Círculo de Belas Artes de Madrid, alén de por feiras de arte nacionais e internacionais.

5. LEO LÓPEZ GARCÍA
LA ERMITA

Soy yo. Todos.
Altura y precipicio,
color en escala y negro.
Corriente revuelta y ánfora.

Un loco y mil figuras,
un entierro y guirnaldas.
Una barca que a oscuras
es incendio del atlas.

Soy yo. Todo.
Duda y espejismo,
justicia innata y celo.
Serpiente que muere y mata.

El eremita

LA HERMITA é un lugar primario onde se descontextualiza o ego, o cal dá lugar ao desdobramento e á apreciación do un múltiple. É a entrada e a saída. Un uróboros.

LEO LÓPEZ GARCÍA (Bos Aires, 1981) é creativo independente desde hai dez anos. A xeito de colaxe, mestura ideas filosóficas, crenzas e teorías cuánticas coas plásticas gráficas con que traballa habitualmente dunha forma pragmática. Xa sexa mediante proxectos audiovisuais, a fotografía, o deseño gráfico, a instalación, xa sexa con calquera outra maneira de representación artística, procura que, dalgún xeito, estea sempre presente esa ligazón entre o cotián e o extracorpóreo.

6. JAVIER ABAD
VIDA…MÁS VIDA!

VIDAMÁS VIDA! quere ofrecer un lugar ou specific-site para o relato do nosoutros. Un espazo simbólico construído a través de situacións en continuo cambio, transformación e movemento. Accións de levedade (e densidade do instante) que son convocadas desde a poética dos obxectos para representar a metáfora do océano da vida en relación co que (nos) acontece no día a día. Vaivén incesante evocado desde a sutileza do aire que move o pequeno e o sinxelo no voo dunha pluma, o efémero da escuma, o tecido do tapiz imaxinario, a pegada transitoria na area, o aire contido no obxecto lúdico como presenza e envoltura da respiración, a auga que dilúe a identidade no encontro co outro ou o perfume das palabras que posibilitan a permanencia. A vida é, pois, esa narración que nos inclúe a todos en futuros posibles.

JAVIER ABAD (Madrid, 1964) é artista visual, doutor pola Universidade Complutense de Madrid e profesor titular de Educación Artística. É membro do Grupo de Expertos en Educación Artística e Primeira Infancia da OEI. Realizou proxectos expositivos de arte comunitaria no Centro de Arte Reina Sofía de Madrid (2015); no Museo da Cidade de Limoges, Francia (2014); na Dirección Xeral de Educación en Montevideo, Uruguai (2013); no Centro de Arte La Panera, Lleida (2011); no Centro de Arte Tomás y Valiente de Fuenlabrada, Madrid (2007 e 2009); e no Círculo de Belas Artes de Madrid (2006).

7. JULIO FALAGÁN
PRODUCIR VS. REPRODUCIR

PRODUCIR VS. REPRODUCIR é unha desmitificación da obra de arte como algo magno e intocable, que fai partícipe a quen queira dunha experiencia artística compartida en que o termo sacralizado da autoría fica relegado a un segundo plano, eliminando así os diferentes niveis entre espectador e artista. Julio Falagán dá ao espectador a oportunidade de se converter en coautor activo da obra, de intervir sobre ela de forma reversible, para crear novas obras de colaboración entre ambos. Deste resultado fanse dúas copias únicas e cada un dos autores queda con unha delas. O orixinal resultante debe ser eliminado, para deixar a peza tal e como estaba en orixe,

O traballo de JULIO FALAGÁN (Valladolid, 1979) xira ao redor do cuestionamento do poder e o establecido mediante o uso do humor e a ironía. Cunha xustificada falta de respecto por aquilo que non o merece, dignifica o banal e o obsoleto como punto de partida para reflexionar sobre a construción social e as súas fisuras, poñendo en dúbida calquera dogma. A súa obra é unha reivindicación do pequeno, o pasado por alto e o desbotado, deixando en evidencia as grandilocuencias e as verdades absolutas.

EVENTOS PARALELOS

27-29.05.15
OBRADOIRO C4MARA BR4NCA, CON ALG-A

12.06.15
MICROFESTIVAL PERIFÉRICOS
Jesús Ge / Eloy Fernández Porta

19.06.15
BOIKOT AO SISTEMA. PROPOSTAS DE INTERVENCIÓN Á MARXE DO CONVENCIONAL
Participan: Luis Martínez Otero / Natalia Balseiro / Lucía Buceta / Javier Abad / Andrea Giráldez / Fernando Pérez-Martín

02.10.15
FRACASA MELLOR
Proxecto de Ignacio García e Enrique Lista
Participan: Rosendo Cid / Ania González / Amaya González Reyes / Javier Tudela

01-31.07.15
PROXECCIÓNS + DEBATES
En colaboración co CGAI

A entrada á exposición e ao resto de actividades é libre e gratuíta.
O horario da sala de exposicións é de 11h a 22h, de luns a venres.