17 Novembro 2016 — 31 Decembro 2016

http://istoenormal.org/images/579.jpg

BDG70: A REVOLTA DO CÓMIC GALEGO

A mostra BDG70: a revolta do cómic galego xorde como resultado da investigación realizada en 2015 por Xulio Carballo para a súa tese de doutoramento sobre a banda deseñada galega. Esta exposición quere pór de relevo a gran cantidade de artistas que, aínda en período ditatorial, canalizaron o seu pensamento antiautoritario e artístico a través dun medio aínda marxinal, o cómic, e dunha lingua pretendidamente marxinalizada, o galego. A riqueza e variedade temática, das técnicas artísticas e dos diferentes formatos empregados non deixarán indiferente o visitante, que con certeza vai poder mergullarse na historia política e social dos anos setenta por medio da novena arte.

A exposición ten unha clara vocación tanto estética como didáctica e divulgativa, ao combinar o espertar creativo respecto da Banda Deseñada de diversos colectivos e autores e que marcarían un punto de inflexión na concepción artística do momento, cunha fonda carga social, reivindicativa e cultural que nos achegará unha clarificadora visión do tardofranquismo e da transición, así como da necesidade de xustiza social que estes novos creadores demandaban.
A mostra ten como obxectivo recoller e amosar ao público as obras e documentos máis importantes e característicos do nacemento contemporáneo da banda deseñada Galega, que tería precisamente unha das súas primeiras manifestacións en NORMAL hai 43 anos, a través da cal se conxugou a denuncia social por medio dunha linguaxe nova, dun carácter transgresor e onde terían moita importancia as representacións dunha Galicia distópica enmarcada dentro da ficción científica así como o seu achegamento aos medios de comunicación como xornais ou revistas.

27 AUTORES, 8 MÓDULOS

Alberte Permuy / Antón Patiño / Fran Jaraba / Gonzalo Navaza / Isaac Díaz Pardo / J. María Méndez / Luís Esperante / Miguel Docampo / Miguelanxo Prado / Oitabén / Paco Martín / Pepe Barro / Pepe Carreiro / Raimundo Patiño / Ricardo Lázaro / Rosendo Díaz “Roxo” / Saavedra Pita / Ulises L. Sarry / Xan Balboa / Xan López Domínguez / Xan Navarro / Xaquín Marín / Xesús “Chichi” Campos / Xiráldez / Xosé Díaz / Xosé Lois “Carrabouxo”/ Vicente Veiga

1. ORIXES
En 1971 Xaquín Marín daría en publicar o que coñecemos como a primeira historieta galega. Sería a prancha O emigrante, publicada na revista Chan, dirixida dende Madrid polo xornalista Raimundo García Domínguez “Borobo”. Con ela iniciaríase o que se deu en chamar o “ciclo da fame”: unha serie de catro historietas autoconclusivas onde a percura de comida e a subsistencia son o eixo central das mesmas. Porén, xa dende había un ano antes Isaac Díaz Pardo amosaríanos que a BD tiña na nosa terra un verdadeiro precedente de base popular e asentado na tradición oral: os romances de cego.

2. VANGARDA
Nun momento no que aínda se estaban a dar os primeiros pasos nesta arte, sobresairía o carácter experimental con que se trataron moitas das obras. Con autores como Reimundo e Antón Patiño, que levaron as súas obras a un radicalismo magmático e caótico, até a reformulación da tradición dos cartaces de cego que elaborou Isaac Díaz Pardo, os anos setenta supuxeron en Galiza un radical e transgresor uso das convencións da BD, construindo todo un discurso alleo en gran parte aos cánones existentes, sendo en moitos casos pioneiros alén das nosas fronteiras.

3. CIENCIA FICCIÓN
O nacemento da BDG estaría intimamente ligada á temática da ficción científica e, sobretodo, á figura de Reimundo Patíño, verdadeiro guieiro desta nova arte no noso país. A través da obra mural O home que falaba vegliota ou do álbum 2 viaxes, xa xunto con Xaquín Marín, transportaríase a toda unha xeración a través de tempos e mundos distópicos que non deixaban de ser unha representación e denuncia da opresiva realidade galega do momento. Seguirían este ronsel obras como Ratas do propio Marín, ou a magnífica e inxustamente esquecida Comandante Iago de Ulises Sarry, publicada ao longo de 1975 no suplemento Axóuxere.

4. ESPAZOS EXPOSITIVOS
O Grupo de cómic do Castro, formado polos irmáns Xosé e Rosendo Díaz e máis por Chichi Campos e Luís Esperante lanzaríase a realizar entre o verán de 1972 e comezos de 1973 unha serie de exposicións cos seus primerísimos traballos. E faríano, en palabras do propio Xosé Díaz, “aguilloados polo forte impacto que nos producira uns meses antes a contemplación de O home que fala vegliota na Galería Redor en Madrid”. Lonxe de quedar nun feito anecdótico, en decembro de 1973 sumaráselles o propio Reimundo Patiño, Xaquín Marín, Pepe Barro e Ricardo Lázaro, conformando unha auténtica mostra itinerante de BDG que ao longo de ano e medio percorrería o país levando as gabanzas de diversos sectores culturais e sufrindo os ataques da ultradereita española, sendo incluso estragadas varias das obras.

5. ESCOLA
Ao contarmos con numerosas tiras protagonizadas por nenos, como Lixandre, Sabeliña, ou Gaspariño, non resulta estraño que moitas das súas andainas e ocorrencias teñan lugar nos seus centros de ensino. A través deles realizaríanse fortes alegatos a prol do ensino en galego e en defensa do colectivo de mestres. Mais a auténtica revolución chegaría en 1975 coa creación da revista Vagalume, un proxecto pioneiro por onde pasarían boa parte dos autores da época e que contaría coa supervisión lingüística do Instituto da Lingua Galega e a colaboración, en ocasións desinteresada, de numerosos axentes educadores, culturais e artísticos de toda Galiza, que dotarían dunha alta calidade e rigor todos os traballos recollidos no seu interior. Froito disto cómpre subliñar os máis de 5.000 subscriptores que Vagalume chegou a ter.

6. PRENSA
A inminente fin da ditadura que se albiscaba xa no ano 1974 levaría ao agromar na prensa de novos espazos adicados á cultura galega. Neste novo espertar tería unha vital importancia a BDG, que demostrou ser un eficaz medio para transmitir os desexos aperturistas de boa parte dos galegos e denunciar, ás veces de maneira oculta para esquivar a censura, as graves inxustizas que aínda se estaban a cometer no noso País. Tras o inicio propiciado coa sección As furnas do rei Cintolo en El Ideal Gallego, con series como Historias dunha vella descoñecida, de Esperante, ou o xa famoso Gaspariño de Marín, seguiríanlle, xa en periodo democrático, a práctica totalidade dos medios impresos en Galiza, demostrando a boa acollida que o medio estaba a ter, con series como Sabeliña de Xosé Lois “Carrabouxo”, O Galo Camilo, de Pepe Carreiro, ou Fuco, de V. Veiga.

7. REVISTAS
As revistas son, en certa maneira, as que lle conferirán a esta década un sentido circular no eido da BD: delas partiría a primeira historieta co “emigrante” de Marín na xeralista Chan, para rematar xa ás portas dos anos oitenta, coa experiencia de Xofre, fanzine integramente dedicado á BD e que marcaría o inicio dunha nova etapa. No medio do camiño serían varias as experiencias comiqueiras neste soporte, dende a primeira revista de BDG, A Cova das Choias (1983), até a infantil Vagalume ou na xeralista Teima, a novena arte gozaría dunha vizosa presenza xa dende os seus inicios.

8. COLECTIVOS
Lonxe de ter un tímido nacemento, a década dos setenta supuxo para a Banda Deseñada Galega o agromar de máis dunha trintena de autores e autoras, o que conformaría unha verdadeira policromía historietística no noso país. Se ben algúns autores, como Suso de Toro ou Gonzalo Navaza só se achegaron esporadicamente á novena arte antes de continuar coa súa carreira literaria, outros como Miguelanxo Prado, Xaquín Marín ou Pepe Carreiro continúan a día de hoxe a facer da expresión gráfica a súa forma de vida, conformándose, así mesmo, como un referente para as varias xeracións que agora mesmo están a confluír na creación de Banda Deseñada.

Dirección e deseño de proxecto: Manel Cráneo
Comisariado: Xulio Carballo Dopico
Dirección técnica: Xabier Pena
Técnica de volume: Laura Blanco
Revisión de textos: Henrique Torreiro
Produción: Demo Cultural
Técnicos en actividades culturais: Jorge Cordal Fustes, Noemí Castro Blanco e David Calderón González
Bolseira: María del Mar Castro Cedeira

AGRADECEMENTOS
Real Academia Galega
Museo Carlos Maside
Museo do Humor
Biblioteca Municipal de Estudos Locais
Biblioteca e Arquivo de Galicia