30 Maio 2014 — 12 Setembro 2014

http://istoenormal.org/images/435.png

LOST & FOUND. ARQUIVOS (RE)COLECTADOS

O proxecto LOST & FOUND xorde dos vestixios do terremoto que aconteceu en marzo de 2011 en Xapón. Promovido por Munemasa Takahashi, ten a intención de recuperar as fotografías dos álbumes familiares que se perderon tras o tsunami orixinado polo forte sismo, responsable da catástrofe da central nuclear de Fukushima.

Na súa dramática beleza, chea de novas texturas e cores ocasionadas pola corrosión, estas fotografías son unha homenaxe á vida que fai reflexionar sobre a importancia da recuperación de arquivos domésticos e sobre as identidades creadas a través das imaxes.

Coa exposición LOST & FOUND. ARQUIVOS (RE)COLECTADOS, NORMAL achégase á cultura xaponesa e á intensa relación coa natureza que caracteriza á sociedade nipona por medio de oito propostas artísticas inéditas. Cocinanegra, Héctor Francesch, Xisela Franco+Anxela Caramés, Ruth Montiel Arias, María Prada, Miguel Prado+Taku Unami, Cristina Sánchez+Nieves Neira+ Henrique Lamas e o eSe8 (Ana Domínguez+Ángel Rueda) reflexionan acerca do impacto do terremoto que asolou a costa do Pacífico na rexión de Tōhoku, reinterpretando as fotografías atopadas nesa rexión de Xapón a través da súa propia linguaxe creativa.

O proxecto expositivo está desenvolvido polo (S8) dentro do marco do Observatorio, unha sección que se ocupa das transformacións culturais en relación á difusión e á xestión cultural dos novos medios e contidos audiovisuais. Forma parte das actividades da 5ª edición da Mostra Internacional de Cinema Periférico que, con motivo do ano dual España-Xapón, presentará una programación especial arredor do cine experimental xaponés.

Produción e organización: NORMAL
Comisariado: (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico
Dirección e coordinación: Anxela Caramés e Bettina Korten

Imaxes da inauguración de LOST & FOUND. ARQUIVOS (RE)COLECTADOS
________

COCINANEGRA / HÉCTOR FRANCESCH / XISELA FRANCO + ANXELA CARAMÉS / RUTH MONTIEL ARIAS / MARÍA PRADA / MIGUEL PRADO + TAKU UNAMI / CRISTINA SÁNCHEZ + NIEVES NEIRA + HENRIQUE LAMAS / ESE8 (ANA DOMÍNGUEZ + ÁNGEL RUEDA)
____

COCINANEGRA
Para non ver
Obxectos-caixa que xogan sutilmente coa visibilidade da obra activando imaxes interiores. Quizáis a manobra de contar historias, de inventalas, permítenos ser libres: sen a necesidade de ver.

Cocinanegra é o proxecto artístico e vital – inédito ata agora – dos artistas Luis Rapela e Špela Trobec. Consiste nun work-in-progress en evolución, acumulando obxectos encontrados do mesmo xeito que os arquivos dos forenses están en constante ampliación. A morte, a descomposición, a fugacidade, o desenvolvemento natural do desvanecemento ou o proceso do envellecemento en continua transformación están presentes. De xeito lúdico, tratan temas como a destrución, a dexeneración e a corrupción na sociedade de consumo, xunto coas pequenas ironías da vida.

HÉCTOR FRANCESCH
Alén
Instalación que recrea un pequeno universo ao redor do Hinomaru (o disco solar da bandeira xaponesa). Quere representar a transcendencia da traxedia centrándose nas individualidades das vítimas, xa que cada persoa é un mundo.

Pintor fascinado polas imaxes, o traballo de Héctor Francesch consiste en fabricalas baixo unha estética influída polo que lle tocou vivir. Interésalle ser un artista do seu propio tempo, partindo da súa experiencia vital. É froito da cultura de televisión, dos tebeos e os debuxos animados, do skate e os xoguetes que máis lle gustaban. Agora experimenta as redes sociais, o exceso de información, as crises e os avances da tecnoloxía. Aborda a contemporaneidade con humor e ironía, para que sexa máis fácil de dixerir, liberándoa do peso negativo que adoita xerar. A súa obra é unha ferramenta para rir, mesmo cando conta cousas serias.

MARÍA PRADA
A lección de Tōhoku
Esta peza escultórica fala dun estado de ser fronte ao caos, utilizando o papel como contedor de imaxes e como imaxe tamén en si mesmo.

Con formación en arquitectura e belas artes, María Prada investiga sobre as estratexias para desfacer a evidencia do mundo en torno á relación entre as imaxes e o seu soporte. Namorada da cultura xaponesa e do origami, emprega o papel como soporte tridimensional para imaxes que elabora ou extrae dos medios impresos. Transitando entre a imaxe plana e o contexto espacial da súa contemplación, nega as certezas asumidas sobre a mirada e devolve aos espectadores a conciencia sobre o coñecemento propio da nosa ollada.

RUTH MONTIEL ARIAS
水, 毒, 道 (Auga, veleno, camiños)
A peza parte de Tōhoku e as súas xentes, dunha rexión que non esquece e continúa, dese pobo que inspirou ao gran Matsuo Bashō. Fala dun país que convive cunha natureza hostil, dun pobo que cun tremor cae, mais que volve levantarse con máis forza unha e outra vez.

A obra de Ruth Montiel Arias fala sobre a perda da natureza, do espazo, do simbolismo e do individuo, sobre a perda de dereitos. A presenza estética do ancestral, o incorpóreo e o ascético son os eixes sobre os que reflexiona para falar da evolución antropolóxica dos nosos valores éticos. Trata estas cuestións a través de instalacións e intervencións en espazos naturais e urbanos, cun enfoque relacional no que o efémero dos materiais e o seu devir subliñan a confrontación do inmutable e do pasaxeiro, mentres que nas súas fotografías realiza unha procura constante da perpetuidade a través do aparentemente cotián.

XISELA FRANCO / ANXELA CARAMÉS
Hyohakusha (camiñante sen rumbo)
Fluíndo e ao encontro co azar, ao igual que a viaxe que emprendera Bashō para escribir Oku no Hosomichi, a peza evoca as vivencias de xaponeses que residen en Galicia, a modo de haikus audiovisuais nos que se entremezclan ambas culturas.

Cautivadas pola expresividade e a poética do medio audiovisual, así como fascinadas pola técnica analóxica, en concreto polas posibilidades do tomavistas de Súper 8, Xisela Franco e Anxela Caramés deciden traballar xuntas por primeira vez. Fusionan as súas experiencias e os seus intereses no cine-arte, nun intercambio de imaxes en movimento, fotografías e textos. Xisela é cineasta, formada con Phil Hoffman, referente do cine-diario canadiense. Empregando a mirada documental, investiga sobre as posibilidades do cine de exposición. Anxela é historiadora da arte, con formación en audiovisual e estudos de xénero. Investiga sobre unha posible ollada feminina na arte.

A entrada á exposición é libre e gratuíta.
O horario da sala de exposicións é de 11h a 22h, de luns a venres.

ACTIVIDADES PARALELAS

9-12/06
Obradoiro de artista, con HÉCTOR FRANCESCH.
O método Frankenstein

17-18/06
Obradoiro de amigurumi, con ANA LUACES ARAQUE.
LANATERAPIA. Multiplicado por 6

26/06
Activación sonora. Performance, con MIGUEL PRADO e TAKU UNAMI.
Catastrophe Walk

17-18/07
II Encontro para a Creación dun Arquivo Común de Cine Doméstico
Participan: Proxecto Socheo, Filmoteca de Extremadura, Memorias Celuloides, Carlos Tmori, Clara Sánchez-Dehesa Galán.

23/07
Performance butoh-instalación audiovisual, con CRISTINA SÁNCHEZ, NIEVES NEIRA e HENRIQUE LAMAS.
Pindo

11/09
Performance Cine Expandido Doméstico
eSe8 (ANA DOMÍNGUEZ + ÁNGEL RUEDA)

Todas as actividades son gratuítas. Entrada libre de público até completar aforo.