2 Marzo 2015 — 17 Abril 2015

http://istoenormal.org/images/535.jpg

MICROFÍSICA DO DEBUXO

É o debuxo un anacronismo dentro da contemporaneidade artística? En MICROFÍSICA DO DEBUXO, NORMAL parte desta pregunta para, no canto de propor unha resposta concluínte, trazar un percorrido promiscuo a través de traballos artísticos nos que o debuxo funciona de xeitos considerablemente diferentes entre si.

Culturalmente pesa sobre o debuxo o estigma da técnica. Que este pertence a un proceso de aprendizaxe previa que conducirá o artista á posterior produción de obras serias. Esta concepción, que obvia as extraordinarias capacidades do debuxo como medio artístico, pouco pode achegar á situación do debuxo dentro das prácticas artísticas contemporáneas. É máis, retrocedendo no tempo, atopámonos con que o debuxo sempre estivo aí, antes que a escritura, antes que a arquitectura mesmo. Non obstante, ao dicir debuxo, parece que enunciásemos un anacronismo dentro dunha contemporaneidade da arte obsesionada con outros medios. Quizais o que falla é esta concepción do debuxo que o entende e o reduce a un trazo sobre o papel. Na arte, hai debuxo mesmo cando este non aparece na sala de exposicións. MICROFÍSICA DO DEBUXO é un proxecto que parte dunha pregunta: cal é a situación do debuxo dentro das prácticas artísticas contemporáneas? E que, en vez de propoñer unha resposta concluínte, traza un percorrido promiscuo e intuitivo a través de traballos en que o debuxo, como medio, funciona de xeito considerablemente diferente entre eles. O seu propio título refírese a toda unha rede de factores que posibilitan, integran e entenden a noción de debuxo nun sentido moi amplo e que dista considerablemente de ser unha “marca sobre papel”.

MICROFÍSICA DO DEBUXO refírese a un medio que está permanentemente no mundo, entre as cousas, nos corpos que debuxan e nos corpos que son debuxados. É tamén unha apoloxía dunha visualidade crítica dentro dun contexto cultural en que a palabra aínda conserva certo privilexio cultural.

Comisariado: Sonia Fernández Pan

Álbum da inauguración de MICROFÍSICA DO DEBUXO en NORMAL.

7 OBRAS, 6 ARTISTAS

Aumentar o caudal dun río
Luz Broto
2014
Instalación medidas variables (fotografía cor, lapis sobre papel, albará de entrega e display expositivo)
Cortesía da artista

Proveniente dunha intervención site­especific a través da instalación permanente dunha mangueira de 200 metros oculta para desviar 40 l/h da canle de Seròs cara ao río Segre, este traballo de Luz Broto provoca unha acción directa sobre o territorio desde a precariedade furtiva e como resposta á repercusión das grandes infraestruturas sobre o concreto dun territorio.

Cunha produción artística centrada na acción que producen xestos aparentemente minúsculos, Luz Broto é unha artista que traballa desde a noción do efémero e desde a alteración de diversos elementos espaciais co fin de producir sutís modificacións capaces de repercutir no comportamento dunha audiencia que, en moitos casos, non entende con facilidade, ou no momento, que está a suceder. Nas antípodas do evento entendido desde a espectacularidade, os proxectos de Luz Broto confirman que a importancia do acontecemento reside non tanto no que sucede senón no que podería chegar a suceder, na potencialidade do xesto e non nas conclusións anticipadas.

2 ­Catoptrophilia
David Ferrando Giraut
2013
Video animación 3D 12’14’
Cortesía do artista

Poñendo en relación dous obxectos distantes no tempo pero que comparten unha mesma finalidade (­reflectir e producir a imaxe dos membros dunha elite social)­, o espello de Nefertiti e o Iphone 4 Elite, Catoptrophilia produce un encontro ilusorio en que a accesoriedade do obxecto se traslada ao individuo que o posúe, un individuo que non sempre é consciente dos procesos de explotación que propicia a tecnoloxía.

Cunha obra que recupera desde a contemporaneidade aquel compoñente sublime da arte, o traballo de David Ferrando Giraut utiliza o alto grao tecnolóxico que define a nosa contemporaneidade para crear unha experiencia estética que é tamén unha estratexia de coñecemento. Aparecen na súa produción tanto os grandes temas da experiencia humana (a morte, o desexo ou a memoria) como as condicións e condicionantes do noso sistema económico actual (a involución política, diminución dos recursos naturais, a representación da realidade ou a organización sociopolítica), conseguindo trazar pontes históricas que cuestionan nocións tan problemáticas hoxe en día como desenvolvemento e progreso.

#71
Martín Vitaliti
2012
Páxina orixinal, impresión sobre papel (40 páxinas), medidas variables
Cortesía do artista

A partir dunha páxina específica do cómic La barca del Missouri de Hugo Pratt (extraída de Totem Extra. Especial western, n.o 20; Editorial Nueva Frontera, Madrid 1978), Martín Vitaliti imita a técnica deste debuxante para construír unha paisaxe que xorde grazas á incorporación dun movemento cinematográfico como é o paneo a 360o dentro da narrativa do cómic.

Cun uso do cómic que evidencia o propio medio desde diversas estratexias, o traballo de Martín Vitaliti explora a capacidade narrativa e escultórica dun cómic que sae do seu formato habitual (o libro) para invadir a realidade espacialmente. A iso habería que unir personaxes que escapan da súa viñeta orixinal, viñetas que son protagonistas tras a subtracción de personaxes, técnicas de borrado que fan xurdir novas historias sobre historias anteriores, repeticións estratéxicas a través do uso da colaxe, situacións paradoxais e contraditorias que só poden ser comprendidas visualmente, narracións desde a singularidade dun elemento e trampantoxos gráficos.

O espírito do século XX
Antonio Gagliano
2014
Debuxo dixital, tres paneis de 70 × 100 cm
Cortesía do artista

Este proxecto, que deriva dun libro homónimo, parte dos documentos que contiñan os libros da biblioteca persoal de Pepe Espaliú, depositada en Arteleku, onde padecería unha serie de desbordamentos ideolóxicos e físicos. Ante a imposibilidade de dixitalizar os devanditos documentos, Antonio Gagliano inverte a relación entre copia e orixinal, usando a reprodución mimética como estratexia de liberación de contidos.

Cunha formación que parte da práctica debuxística, a produción de Antonio Gagliano transcende o que entendemos por debuxo para achegase á cartografía e á configuración de mapas e dispositivos visuais orientados a poñer en interdito a suposta linealidade da historia. Fronte a unha estética do arquivo, o traballo de Gagliano usa o arquivo como punto de partida para o rescate de documentos invisibles dentro dos relatos históricos hexemónicos e a configuración de mapas narrativos e visuais onde as anécdotas son tanto ou máis importantes que os grandes acontecementos.

Despregar os posibles
Françoise Vanneraud
2014
Volume debuxado
Debuxo tinta chinesa e grafito sobre papel. Papel pregado e montado sobre madeira.
Cortesía da galería Ponce+Robles e da artista

The World is a Sculpture
Françoise Vanneraud
2014
Debuxo con tinta sobre papel, escuma de poliuretano, parafusos, madeira de nogueira negra.
Cortesía da galería Ponce+Robles e da artista

En ambas as dúas pezas, Françoise Vanneraud produce debuxos que, partindo do bidimensional, adquiren unha espacialidade escultórica grazas a unha manipulación física que remite de xeito poético á presenza do ser humano sobre a paisaxe. Unha paisaxe que pode funcionar de xeito máis abstracto (Despregar os posibles) ou como reminiscencia dun territorio concreto, a cordilleira dos Alpes (The World is a Sculpture).

A noción de paisaxe é un elemento central na obra de Françoise Vanneraud, quen se serve do debuxo á hora de realizar unha análise do territorio cun alto compoñente poético. Pero o debuxo non é aquí un trazo bidimensional sobre o papel, senón unha estratexia de acumulación que se achega á tridimensionalidade do mundo físico dos obxectos. Paisaxe, territorio, memoria e tempo únense en imaxes que son tamén unha eco do que non aparece nelas: a presenza de ser humano desde a pegada, desde o xesto e non desde a súa incorporación explícita.

Work Table/ Game table no 2
Pedro Barateiro
2010
Estrutura de metal, vidro e lapis dourados de grafito
Cortesía da Galería Filomena Soares e do artista

Este traballo de Pedro Barateiro lanza interrogantes sobre a condición procesual da creación artística. A mesa de traballo, reconvertida en artefacto estético, é un vínculo de unión entre o espazo de creación e o espazo de exhibición. A condición invisible dese proceso de investigación que só o artista coñece e que non sempre é obvio para o espectador, insírese tanxencialmente no carácter obxectual da obra de arte. Cun traballo que representa a condición posdisciplinar do artista contemporáneo, aquel que non está definido por ningún medio en concreto, Pedro Barateiro traballa con imaxes provenientes da cultura popular, documentos, obxectos atopados e textos literarios.

Tendo en conta a importancia de todos estes materiais á hora de configurar o que entendemos por realidade, a práctica artística de Barateiro funciona como unha estratexia de relectura que, en vez de descodificar toda esa información, recodifícaa desde unha experiencia estética que recolle conscientemente a herdanza obxectual da arte.

A entrada á exposición é libre e gratuíta.
O horario da sala de exposicións é de 11h a 22h, de luns a venres.