6 Outubro 2011 — 6 Novembro 2011

  • #negro

# NEGRO

Normal propón a catro artistas o desafío de traballar a partir desta premisa simple en forma e complexa en fondo. Xirar cara a #Negro. Desde esa luz os artistas intentarán chegar a porto en forma dunha exposición que funciona como reflexión sobre si mesmos e o seu deber como artistas de revelar verdades ocultas. De médium que atrae cara á luz e captura aquilo que no ollo do espectador aínda non foi percibido.

Dentro da traxectoria do artista hai puntos de inflexión, momentos de ruptura, ás veces co seu propio pasado, ás veces co seu contexto, sempre consigo mesmo. É a natureza da arte; xirar e pregarse sobre si mesmo unha e mil veces para encontrar o seu propio progreso. Parafraseando con licenzas ao artista mexicano Gabriel Orozco podemos afirmar que o artista necesita do reto, conciencia e espello que lle axuda a descubrir o que el mesmo non ve da súa obra. Un incentivo/desafío como este é a miúdo unha nova liña que cruzar, unha barreira que derribar, unha fronteira que transgredir e un novo lugar a que chegar e aclimatarse. Pero tamén funciona para recoñecerse a si mesmo, para atopar nese desafío un espello que achega información de quen somos e a onde imos. Está na natureza do home, na súa evolución, igual que na arte, progresar superando a adversidade. “O home mídese ante o obstáculo”.

Nesta ocasión o reto é #Negro polo que representa a nivel formal, a non cor, pero tamén a nivel semántico, o negro entendido desde un punto de vista social como a representación do oculto, do non revelado. E sempre desde o sentido antropolóxico do máxico, daquilo que, por estar falto da etiqueta da cor, nos é descoñecido e por iso tememos.

Enrique Lista, Mar Vicente, Mauro Trastoy e Mónica Cabo. Catro artistas da mesma xeración que operan en Galicia desde hai anos asumen o desafío de aproximarse ao #Negro. Desde catro puntos de vista diferentes ofrécennos a súa visión particular deste problema que Normal lles propón. Falando da realidade do artista no seu contexto actual, da dimensión da pintura, das relacións sociais e humanas no seu carácter menos evidente e da acción creadora do artista como camiño de ida e volta cada un propón unha solución diferente para este proxecto, pero esta vez desde #Negro.

Como reto e como xesto de madurez, han de se recoñecer a si mesmos e xirar cara ao negro, cara ao descoñecido.