http://istoenormal.org/images/359.jpg

3D en NORMAL

E ti que fas, que non estás en NORMAL? Comezamos outubro con 3 días de portas abertas nos que se poderá coñecer de primeira man a nosa oferta de actividades e os nosos ámbitos de acción…

Entra e proba os nosos obradoiros de creación, bota unha ollada e participa! Mesmo poderás acadar unha matrícula gratuíta nalgún dos nosos cursos!

Participa no maratón fotográfico de NORMAL e consegue unha tablet de premio. Se o teu é o cinema e tes unha curta, podes amosala no noso CUBO durante a mostra de curtametraxes 3D. E para rematar de empezar, concerto de Triángulo de Amor Bizarro!

Velaquí todo o programa:

– I Maratón fotográfico UDC NORMAL

Poderá participar calquera persoa interesada que sexa maior de idade. Para formalizar a inscrición, pode dirixirse ao enderezo info@istoenormal.org até as 14:00 horas do 1 de outubro. Recibirán por correo electrónico a confirmación da inscrición e as bases do maratón.

O maratón comezará ás 16:00 horas do martes 1 e rematará ás 16:00 horas do mércores 2 do outubro.

O primeiro premio será unha tablet e haberá dous accésits que consistirán na matrícula gratuíta en calquera dos obradoiros de fotografía impartidos en NORMAL.

– Coñece e proba os obradoiros de creación
O profesorado dos diversos cursos e obradoiros presentará a nosa oferta:

- Martes 1 de outubro
16:00- 17:15 O ollo da Arte, con Antía Otero.
17:15- 19:00 Danza NORMAL, con Rut Balbís.
19:00 -20:15 Teatro NORMAL, con Rubén Ruibal.

- Mércores 2 de outubro
11:00- 13:00 Teatro Sénior, con María Torres.
16:00- 19:00 Iniciación ao Teatro, con Carlos Losada

– Como colofón ás tres xornadas, a partir das 20:30 horas…

1 DE OUTUBRO
Intervencións de Teatro NORMAL e Danza NORMAL, grupos institucinais da Universidade da Coruña, e presentación de varias performances creadas polo alumnado do obradoiro O ollo da Arte.

2 DE OUTUBRO
Curtas en NORMAL, coa proxección das pezas participantes na Mostra 3D NORMAL.

3 DE OUTUBRO
Concerto de presentación do novo disco de Triángulo de Amor Bizarro. O concerto contará cun aforo limitado. As entradas son gratuítas e poderanse retirar un máximo de dúas por persoa en NORMAL o 1 e 2 de outubro, de 15:00 a 16:00 da tarde.

A entrada a todas as actividades é libre até completar a capacidade da sala, agás onde se ten indicado o contrario.

(A tipografía ISOSIBILIA, empregada na imaxe superior, foi deseñada por Rodrigo Fuenzalida para a revista Neo2.)