http://istoenormal.org/images/300.jpg

'Little Boxes', no Athens Digital Arts Festival

Little Boxes, a instalación interactiva que foi creada por Bego M.Santiago en NORMAL para a exposición ELAS FAN TECH, vén de ser seleccionada para o Athens Digital Arts Festival.

O Athens Digital Arts Festival é un festival internacional que celebra a cultura dixital nun encontro anual que xunta unha comunidade global de artistas e audiencias na capital grega.

Little Boxes, finalizada durante un período de residencia artística en NORMAL, formou parte da exposición ELAS FAN TECH. A peza está formada por cinco elementos: a parte escultórica (unhas caixas de mercancías fráxiles), unha videoproxección, o son, a presenza do espectador e un sistema de tracking video. É unha obra que eflexiona acerca do medo de toda civilización a ser destruída e a utilización dese medo como instrumento de control. O xénero cinematográfico de terror e catástrofes é un claro exemplo de como a industria do entretemento banaliza e simplifica conflitos culturais. Little Boxes, cuxo referente máis próximo é este tipo de cinema, preséntase como un xogo inxenuo e case infantil, mais en realidade é unha sátira profunda aos mecanismos de poder. Neste caso, o absurdo do xogo recae en saber que aquilo que xera o medo somos nós mesmos. Os membros da sociedade civil son representados mediante pequenas figuras proxectadas, mentres que a orde social que regula as accións dos cidadáns é o sistema interactivo de videotracking. No entanto, o espectador é colocado no papel do monstro: aquel ser antinatural, cuxas accións son opostas á sociedade humana e cuxa presenza é símbolo de rexeitamento, incomprensión e medo.