http://istoenormal.org/images/589.jpg

O ollo da arte. Laboratorio

O Ollo da Arte. Laboratorio é un obradoiro de creación artística no que aprender pensando tod@s xunt@s.

Se tes unha idea, un proxecto, un bosquexo que che bule na cabeza e queres participar nun proceso compartido entre máis persoas con intereses comúns, ou se posúes inquietudes artísticas, ganas de deixarte levar e aprender dos demáis e da deriva, O Ollo da Arte está aberto para ti.

Na práctica, con ferramentas que nos axuden a transitar a experiencia artística xerando dinámicas de grupo nas que todos e todas sexamos creadoras e espectadores a un tempo, dende a primeira xornada teremos a oportunidade de colocarnos na pel da outra persoa e de acompañarnos nos procesos partindo dunha vía de traballo personalizada para cada participante.

Ao longo do laboratorio teremos a visita de dous creadores que traballen en activo e que se achegarán a Normal para compartir co alumnado as súas experiencias, observar os procesos e aportar novas ferramentas.

A finais do mes de xuño realizarase unha mostra na Normal dos traballos e/ou apertura dos procesos que xurdiron neste obradoiro, onde o debate, o escrutinio dos materiais, a contundencia da fraxilidade e a escoita serán sempre puntos de partida.

O laboratorio está coordinado por Antía Otero, licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Historia e Estética do Cinema pola Universidade de Valladolid e Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual de Artea, pola Universidade de Alcalá. Como poeta é autora de O Son da Xordeira (2003), RetroVisor (2010) e O cuarto das abellas (2016). No campo da creación escénica traballa a partir dun código híbrido entre diferentes disciplinas artísticas, creando propostas persoais con textos propios. Imparte obradoiros artísticos e de escrita e na actualidade forma parte de varios colectivos de creación. Apiario é o selo cultural e editorial que co-dirixe.

Datas: todos os luns entre o 6 de marzo de 2017 e o 26 de xuño de 2017.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: Aula circular de NORMAL.
Prezos: 40€ estudantes / 60€ PAS e PDI / 80€ público xeral / 45€ persoas desempregadas ou con minusvalía

Matrícula:
O prazo de matrícula e pagamento comprende do 15 de febreiro ao 3 de marzo de 2017. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña.
As incidencias da matrícula en liña nos obradoiros, serán atendidas no correo normal@udc.es ou nos teléfonos 881 014 502 e 881 014 518 en quenda de mañá.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 881 014 502 Mail: normal@udc.es